Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CDG e máis Avelina Pérez estrean ‘ECO’, no Mosteiro de Oia

Trátase dunha peza inspirada nos textos e debuxos feitos polos presos da Guerra Civil

    Santiago. O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, e a creadora escénica Avelina Pérez estrean este domingo no Real Mosteiro de Oia a coprodución ECO. Trátase dunha peza inspirada nos textos e debuxos feitos polos presos da Guerra Civil española nas paredes do cenobio cando foi convertido en campo de concentración, e que recollen os seus desacougos, medos e desexos. Haberá tres funcións ao longo da tarde, cunha cabida total de 90 prazas e para as que xa non quedan entradas dispoñibles. Creado, dirixido e interpretado por Avelina Pérez, o espectáculo nace como unha homenaxe e un poema, ademais de como un momento para escoitar e para escoitarnos, para relacionarse cos que xa non están, coa historia e co paso do tempo. A composición musical é obra de Ramón Raíndo e a iluminación, de Beatriz de Vega. Pola súa banda, Martín Pol faise cargo da fotografía e Jesús Tejada, da montaxe de vídeo. As case cen persoas que gozarán da estrea terán a oportunidade tamén de realizar previamente unha visita á exposición permanente Os presos do Mosteiro. Memorias da Guerra Civil española. A mostra é o resultado do traballo de recuperación dos grafitos realizados polos presos, o que permitiu xuntar máis dun cento de fragmentos. ECO forma parte das coproducións programadas para este ano polo CDG no marco da súa aposta por reforzar a colaboración cos distintos axentes do sector teatral de Galicia e pola descentralización. ecg

    26 sep 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito