Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CDG ultima os ensaios da obra teatral ‘Terceiro acto’

Santiago. O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle estes días os últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Terceiro acto, cuxa estrea está prevista para o 15 de abril. Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez dirixen esta peza con textos da súa autoría a partir de improvisacións co elenco, formado por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán.

Con escenografía de Marta Pazos, vestiario de Yaiza Pinillos e iluminación a cargo de Miguel Ruz Velasco, Terceiro acto permanecerá no Salón Teatro ata o 16 de maio. Completan o equipo artístico Hugo Torres, a cargo do espazo sonoro, e Amaya Galeote, da coreografía, respectivamente, así como Laura Míguez na asistencia de dirección, Carmen Triñanes, na de escenografía e Xandre Vázquez, na de produción.

Na escena, esta troupe de actrices e actores veteranos reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa da vida.

O público poderá gozar da peza a partir do 15 abril todos os xoves ás 20.00 horas, e os venres e sábados con dobres funcións, ás 17.00 e ás 20.00 horas. Ademais, os domingos haberá representacións ás 18.00 horas, seguidas de encontros co equipo artístico. Tamén están previstas funcións inclusivas e descontraídas para facilitarlles o acceso ao espectáculo ás persoas con diversidade funcional, como xa se fixo coa anterior produción, O charco de Ulises. As entradas estarán á venda de xeito anticipado a través de ataquilla.com e, dúas horas antes de cada función, no despacho de billetes do Salón Teatro.

Terceiro acto é a segunda estrea das tres producións previstas para este ano polo CDG, unidade teatral da Xunta. O pasado xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que se realizará unha xira por todo o territorio galego a finais de ano, e en setembro estrearase Serva me, servabo te. redac.

29 mar 2021 / 19:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.