Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O CGAC ofrece unha ollada sobre o vínculo entre España e Perú con ‘Buen Gobierno’

A mostra de Sandra Gamarra amosa modelos de representación hexemónica dos dous países // Pódese visitar ata finais de maio

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugura este xoves a mostra Buen Gobierno, coa que a creadora peruana Sandra Gamarra Heshinki ofrece unha mirada sobre os modelos de representación da hexemonía histórica e artística. A exposición, producida pola Comunidade de Madrid o pasado ano para a Sala Alcalá 31, foi presentada este xoves polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto que contou coa participación da artista, do comisario da mostra, Agustín Pérez Rubio, e do director do CGAC, Santiago Olmo. Poderá visitarse ata o 29 de maio.

Segundo explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través desta iniciativa Sandra Gamarra sinala como a orixe das nacións latinoamericanas está intimamente ligada ao propio nacemento de España e como unha mirada crítica sobre o bo goberno destes dous legados é a clave para construír outras formas de convivencia.

O proxecto toma o título do manuscrito Primera Crónica y Buen Gobierno, redactado cara a 1616 no Perú polo cronista amerindio Felipe Guamán Poma de Ayala. Trátase dun documento feito para ser enviado ao entón rei de España Felipe III, co obxectivo de retratar a realidade andina colonial e solicitarlle á Coroa española unha reforma do goberno virreinal que salvase o pobo andino da explotación, as enfermidades e as mesturas raciais, como sinónimo da desaparición da cultura autóctona.

Ademais, Buen Gobierno supón “un exercicio colaborativo e discursivo, xa que as pezas da creadora peruana conviven con propostas de diferentes artistas contemporáneos do seu mesmo país, como Primitivo Evanán Poma, Valeriana Evanán Vivanco, Sixto Seguil Dorregaray, apuntou Anxo M. Lorenzo. O conxunto dos traballos expostos evidencia a carga colonial que se impuxo nas prácticas culturais occidentais desde o imaxinario pictórico e artístico, e ofrece unha mirada crítica na que se cuestionan as ordes establecidas nas sociedades española e peruana con respecto aos momentos en que ambas historias se cruzan.

A mostra desprégase en tres espazos: a Sala da Subtracción que representa a extracción mineira e o museo de arqueoloxía, a Sala do Espellismo que representa a construción da historia e do nacional desde o museo de historia e de pintura, e a Sala do Recoñecemento que reflicte o museo etnográfico.

Reflexión sobre a realidade

Sandra Gamarra Heshiki, quen vive e traballa entre Lima e Madrid, é unha das creadoras latinoamericanas de maior relevancia internacional. O seu traballo caracterízase pola utilización dos mecanismos do mundo da arte, procesos de produción, exhibición, divulgación e comercialización para facer unha reflexión sobre a realidade.

Nacida en 1972, ao longo da súa traxectoria expuxo na 11ª. Bienal de Berlín, na XXIX Bienal de Sao Paulo, no pavillón Italo-Latino Americano (IILA) na 53 bienal de Venecia ou na XI Bienal de Conca. Ademais, a súa obra estivo presente en exposicións en museos de todo o mundo, como o MACBA, (Barcelona), a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, (Madrid), ou MUSAC, (León). Na data da apertura da exposición, mañá venres, haberá unha presentación aberta ao público por parte da artista, o comisario e o director do CGAC. O acto terá lugar ás 18.30 horas no auditorio do espazo compostelán.

11 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.