Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O cineasta Chano Piñeiro xa ten a súa entrada no ‘Album de Galicia’

Santiago. Chano Piñeiro (Focarei, Pontevedra, 1954- Vigo, 1995), director de Sempre Xonxa, a primeira longametraxe oficial do cinema galego, converteuse nun pioneiro ao tempo que abríu un camino para a construcción dun cinema nacional. José Manuel Sande asina a súa entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.

“Modelo de cineasta autodidacta, persoal e independente, o seu cine é partícipe dalgunhas das preocupacións do momento, como indicio claro das tendencias estilístico-temáticas que definirán a súa obra ulterior: o transfondo sociopolítico e cultural propio; a localización e exploración do rural –eco sincero e confeso das súas estadías de infancia en Forcarei ou Ponte Caldelas-; a ausencia do sometemento a materiais alleos; a importancia da música ou a idiosincrasia impregnada de vindicación, nun momento de esplendor, do concepto de cinema das nacionalidades aplicado a través dunha simbiose de tons e motivos logo recorrentes”.

Deste xeito sintentiza Sande a biografía de quen foi unha figura fundamental para entender o cinema galego.

Na súa entrada fai un repaso polas características do seu cinema reflectidas nos significativos traballos que realizou: Sempre Xonxa, Mamasunción, Eu, o tolo, O camiño das estrelas e Esperanza. Ademais explica que a súa prematura morte por mor dun edema pulmonar, impediu continuar moitos proxectos, entre eles, un proxecto sobre a vida do bispo Xelmírez.

A súa entrada inclúe textos elaborado polo propio autor, vídeos e programas dedicados á súa figura, así como unha entrevista que lle realizaron en Radio Nacional de España (RNE). Nela tamén se pode acceder a unha unidade didáctica sobre Sempre Xonxa encargada polo Consello da Cultura Galega en 2019, cando se cumprían trinta anos da súa estrea.

‘ÁLBUM DE GALICIA’. En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. redacción

09 feb 2022 / 16:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.