Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Colectivo Atlántica recibe o Premio Laxeiro de 2022

Este grupo de artistas renovou a principios dos anos oitenta a arte galega e reivindicou a figura do artista como seu referente

O Padroado da Fundación Laxeiro, en reunión ordinaria celebrada o martes, acordou por aclamación outorgar o Premio Laxeiro 2022 ao Colectivo Atlántica, como recoñecemento ao seu labor de actualización da arte galega e tamén de reivindicación da figura de Laxeio, de quen o colectivo recolleu a testemuña do espírito de independencia e renovación.

En palabras de Antón Patiño, membro fundador de Atlántica: “A relación de Laxeiro con Atlántica foi intensa e fluída. Houbo unha grande reciprocidade”.

O galardón será entregado a Román Pereiro, un dos artífices do proxecto que, alá polos primeiros anos noventa sentiu a necesidade de renovación dunha cultura como a galega que se atopaba algo anquilosada e ancorada en postulados formais do pasado.

Atlántica xurdiu como revulsivo, como un xesto de liberdade e imaxinación co que romper a monotonía do tardofranquismo cultural e inaugurar unha nova etapa.

Román Pereiro recorda toda aquilo como unha feliz combinación de inquedanzas e casualidades, na que, ao redor de conversas con artistas mozos como Anxel Huete, Antón Patiño, Guillermo Monroy e Menchu Lamas, nacía un sentimento de facer algo diferente.

UN LIRIO NA FIESTRA DE MONROY. Pereiro conta con emoción como unha tarde do mes de marzo de 1982 vai visitalo á súa casa para ver un cadro do que lle falara por teléfono. Cando Pereiro chega á súa casa en San Paio de Navia, non hai ninguén, pero albisca o cadro a través da fiestra da casa e queda moi satisfeito co que ve. Como non pode falar con el, corta un lirio e déixallo na fiestra da ventá, como sinal de aprobación. Aquela mesma noite, soou o teléfono da súa casa. É a nai de Monroy quen lle di que o pintor acababa de falecer nun accidente de circulación.

Atlántica acababa de presentarse, había escasamente un ano, coa exposición en Baiona e un ano máis tarde, presentaríase en Vigo e Madrid, Con Guillermo Monroy xa falecido. A nómina de artistas do grupo estendeuse ata completar unha verdadeira fronte de renovación, ecléctica na que tiñan cabida propostas moi diferentes, unidas por esa vocación de renovación.

Foron membros de Altántica Menchu Lamas, Anxel Huete, Guillermo Monroy, Antón Patiño, Antón Lamazares, Manuel Moldes, Xavier Correa Corredoira, Silverio Rivas, Rafael Baixeras, José Freixanes, Francisco Leiro, Reimundo Patiño, Francisco Mantecón, Xaime Cabanas, José Lodeiro, Xesús Vázquez, Manuel Facal Ignacio Basallo, Silverio Rivas, e Luis Borrajo.

En 1981 o colectivo organizou unha gran exposición de laxeiro na Casa da Cultura de Vigo. Con máis de 250 obras, Atlántica reivindicaba a figura do pintor de Lalín como un referente para a renovación da arte.

16 dic 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.