Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O compromiso de Pardo Bazán con Galicia centra un ensaio

Paz Gago, autor do volume, subliña que a autora converteu a realidade galega do seu tempo en mito universal da súa obra

A reivindicación que de Galicia fixo Emilia Pardo Bazán na súa amplísima produción literaria e xornalística centra o novo ensaio do catedrático José María Paz Gago, Emilia Pardo Bazán e Galicia, editado por Hércules de Ediciones e que foi presentado hoxe en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron, ademais do autor, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a actriz Isabel Blanco, e a editora, Laura Rodríguez Herrera.

Na publicación, Paz Gago subliña o compromiso da autora coruñesa coa súa terra a través de extractos da súa obra, na que Pardo Bazán retrata “non só a Galicia rural máis recoñecible, con todas as súas facianas paisaxísticas, institucionais ou socioeconómicas, senón tamén a Galicia urbana, burguesa e obreira, administrativa, comercial e fabril”. Así mesmo, a súa descrición abrangue máis aló da súa Marineda natal e a veciña Sada onde tiña a súa residencia estival, creando coa súa pluma inspiradas descricións de todo o territorio.

A este respecto, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, salientou durante a presentación a decisiva contribución que a investigación académica está a ter para divulgar e manter vivo o legado da autora.

Como expresou, publicacións como esta súmanse ás accións levadas a cabo no último ano no que se conmemorou o centenario de Pardo Bazán. A Xunta, en colaboración con distintas institucións e entidades, puxo en marcha unha ampla programación con máis de medio cento de actividades que incluíron exposicións, accións formativas, así como “reunións científicas e encontros que axudaron a trasladar o coñecemento académico sobre a obra da autora e poñelo ao servizo da cidadanía”, expresou.

Neste sentido, agradeceu ao autor -que é tamén impulsor do Instituto de Estudos Emilia Pardo Bazán- a súa contribución por demostrar con esta obra o compromiso da autora coruñesa con Galicia e a dar a coñecela no resto de España e Europa.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, tamén trasladou, durante o acto, os seus parabéns ao autor e editorial pola obra, a cal cualificou de amena e rigorosa. Dela dixo que “achega unha visión innovadora sobre a obra de Emilia Pardo Bazán no epílogo do centenario do falecemento da autora”.

Desta forma,o impulsor do Instituto de Estudios Emilia Pardo Bazán, José María Paz Gago, súmase así ás numerosas voces que buscan poñer en valor a figura de esta coruñesa universal que contribuíu a dar a coñecer Galicia en España e Europa e que “foi quen de converter a realidade galega do seu tempo en mito universal no conxunto da súa obra, como farán Rosalía e Curros, Valle, Castelao, Cela Torrente ou Cunqueiro”.

“Temos a obriga moral de facer xustiza a quen loitou incansablemente polos dereitos das mulleres, a quen promoveu a nosa cultura e a nosa literatura contribuíndo decisivamente á fundación da Academia Galega, sen deixar de reflectir a nosa realidade ao longo da súa extensa obra narrativa, en innumerables artigos de xornais ou inesquecibles discursos e conferencias, publicados e pronunciados en todo o mundo”, reclama no prólogo.

Muller, galega e feminista. José María Paz Gago pon de manifesto tamén o feminismo de Emilia Pardo Bazán, ao que sitúa na columna vertebral da traxectoria vital e do pensamento pardobazaniano, que tiña como punta de lanza tres puntos esenciais: a igualdade de oportunidades na educación, de oportunidades laborais para acadar a independencia económica do home e a igualdade sexual.

Trátase, segundo o investigador, dun feminismo pioneiro non soamente no intelectual, “senón que o encarna na súa propia vida persoal e na das heroínas das súas novelas e contos”.

Emilia Pardo Bazán e Galicia amosa a unha muller iconoclasta, do que ofreceu repetidas mostras na esfera persoal e pública; unha muller caracterizada por unha insaciable sede de coñecemento, unha muller adiantada ao seu tempo.

literatura
Unha poliédrica figura

··· Co publicación de ‘Emilia Pardo Bazán e Galicia’, Hércules da un paso máis no seu compromiso co legado da autora coruñesa. Así, esta obra súmase a ‘Emilia Pardo Bazán y la moda’ (Hércules de Ediciones, 2021) e “Emilia Pardo Bazán y el dandismo” (Hércules de Ediciones, 2021), dous ensaios da investigadora Blanca Paula Rodríguez Garabatos que revelan aspectos quizás descoñecidos da poliédrica figura da escritora coruñesa: o seu coñecemento da moda do seu tempo e a súa devoción polos dandis do dezanove.

··· Pola súa banda, en ‘La vida contemporánea. Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro’ (Hércules de Ediciones, 2021) José María Paz Gago recompila máis de medio centenar das crónicas que Pardo Bazán escribiu para a revista ‘La ilustración artística’ entre los años 1895 e 1916. Trátase dunha edición de coleccionista, limitada a 100 exemplares que inclúe nove láminas orixinais firmadas por outros tantos artistas galegos.

16 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.