Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O emérito

    Un ditador, carpetovetónico, papaleisón e de misa diaria pero mellor persoa que o que nos tocou en sorte en 1939, definiu a don Ramón de las barbas de chivo como “eximio escritor e extravagante cidadán”. Á parte de ter atinado na apreciación, a frase de don Miguel acadou visos de eternidade pois recolle moi ben unha verdade categórica e indiscutible: a personalidade humana é, tirando de metáfora da xeometría clásica, poliédrica, é dicir ten moitas caras. Deixemos, polo tanto, establecido que na vida se pode ser un crack para os polinomios pero un parvo para os recados (ou á inversa, moito mellor, sen dúbida).

    En 1969 eu tiña nove anos. Moitos nenos da miña quinta para asegurarnos un verán de praia iamos aos campamentos da OJE, Organización Juvenil Española, onde, de par dun inverosímil café con leite e dunha sopa tan augada na que, de mirarse nela, perigara Narciso, se nos endosaban leccións atropeladas dun fascismo pobretón e consignas dun nacionalcatolicismo reseso, das que, fronte ás tentacións do piragüismo e os fuegos de campamento, pasabamos como da merda seca. O 22 de xullo dese ano, estaba eu en Paco Leis, establecemento da OJE na praia das Sinas. Lembro que o Xefe de Día (pois a cousa era un rollo paramilitar, moito de xerarquías, graos e galóns para unha partida de infelices) enviou a todo o campamento a ver na tele (en branco e negro: o mundo, de feito, era en branco e negro) o ditador, este o do 39, xa cáncamo, anunciando que o seu sucesor ía ser o príncipe Juan Carlos, que gobernaría a título de rei.

    Un non pode renunciar aos alicerces das súas lembranzas pois as lembranzas, nobres ou ruíns, luminosas ou escuras, alicerzan a nosa vida. A figura de Juan Carlos primeiro leva acompañándome dende aquel día xa perdido nas congostras da memoria. A noite do 23 de febreiro de 1981 vino nunha minúscula tele (en branco e negro) que tiñamos nun piso de estudantes en República Argentina. Tiña mala cara. Dixo algo así como que a democracia que o pobo español se dera en 1978 non podía tolerar en forma alguna o comportamento de persoas que pretendían xugulala. O efecto que me fixeron as palabras do Borbón foi o do paciente que escoita do médico o mellor diagnóstico cando leva horas agardando o peor.

    Coa idade, porén, semella que ao emérito o gañou o lado escuro da forza. A familia foille podrecendo, seica matou en elefante e, polo visto, tras moitas e variadas saias, liouse cunha barbie loira e nobre que anda por aí quitándolle as cores. Ao mellor, tamén meteu a man no caixón, non lle sei. Pero forma parte da miña vida, e iso é moito dicir. Supoño que o sentirei cando marche, non de España, que xa, senón deste val de bágoas.

    19 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.