Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“O feminismo é a principal arma para enfrontarse ao patriarcado e a discursos misóxinos que seguen inundando á sociedade”

O movemento Galegas 8M relata a súa importancia: “É a única resposta posible desde onde construír un futuro digno, responsable e xusto”

O 8M, Día da Muller, ten a súa orixe en Nova York, cando o 8 de marzo de 1857, máis dun centenar de mulleres manifestáronse para reclamar o aumento dos seus salarios, xa que cobraban menos da metade que os homes da mesma compañía téxtil. De aí en adiante, anos despois, moitas mulleres máis sairon ás rúas co único obxectivo de que se permitise o sufraxio feminino e loitaban asemade contra a escravitude sexual. En España, uns anos despois da caída da ditadura, en 1977, tivo lugar o primeiro 8M, onde as mulleres formulaban temas como a despenalización do aborto, a legalización da venda de anticonceptivos, entre outros. A día de hoxe, o 8M segue a ser unha peza fundamental, e para ter máis coñecemento sobre o movemento feminista na actualidade, falamos con Ester Mariño, Judit Caride e Priscila Retamozo, do grupo de comunicación da organización Galegas 8M.

- O feminismo leva uns anos en pleno auxe, a qué se debe isto?

Pensamos que é froito de todo o traballo realizado polo feminismo organizado, no noso caso, en Galiza. Gracias ao traballo incansable deste movemento social, as institucións e medios de comunicación comezaron a asumir o noso discurso, este feito derivou nunha visbilización da situación real de discriminación e violencia que sufrimos as mulleres, que derivou nunha toma de conciencia colectiva.

- Por qué é importante concienciar sobre o feminismo?

A sociedade patriarcal na que vivimos fai que a metade a poboación suframos unha transversal e constante discriminación social a todos os niveis, social, económico, afectivo, laboral, familiar... O feminismo é a única resposta posible desde onde construír un futuro digno, responsable e xusto. Xusto neste momento no que a pandemia, de xeito desproporcionado, petou especialmente no lombo das mulleres, sobre as que principalmente recaen os coidados, urxe máis que nunca que se tome consciencia, o feminismo é o único xeito posible de falar dunha recuperación real para toda a poboación. É importante concienciar sobre feminismo porque as discriminacións de xénero seguen sendo unha constante e este é a única óptica posible desde a que podemos visibilizar cada inxustiza na súa verdadeira proporción e dar unha resposta e alternativa valida.

- Por qué cren que hai persoas que tentan ridiculizar o movemento feminista?

Somos conscientes de que o movemento feminista incomoda. Cuestionamos cada decisión, cada estamento e cada política que se aplica desde os poderes públicos, así como os privilexios duns poucos homes, acadados grazas ao sudor de moitas mulleres. É por isto que se artellan discursos defensivos, tanto desde os poderes públicos, como desde os económicos como desde os sociais. Por iso sufrimos unha constante campaña de terxiversación, criminalización e desprestixio. Porque a nosa alternativa fai tambalear os piares sobre os que se sustenta o poder. Este ano, especialmente, vimos como se utilizaron todo tipo de discursos para tentar calar a voz do feminismo e que as mulleres non saíramos ás rúas. Énchenos de orgullo ter deixado constancia de que en Galiza este movemento é imparable e que, contra todo, non nos van calar.

- En relación coa xente nova, qué opinan sobre o feminismo nas novas xeracións de mozas?

As novas xeracións de mozas viven como o machismo de sempre acolle novas formas, ocupando tamén as redes sociais e os espazos virtuais en xeral. O feminismo segue a ser a principal arma para enfrontarse ao patriarcado e a discursos misóxinos que seguen inundando á sociedade aínda que hoxe semelle novo porque é a través de chistes de tiktok.

É imprescindible que as mulleres mozas se organicen a artellen discurso para dar resposta as agresións e discriminacións que sufren.

- Cómo ven o futuro en relación ao feminismo? Cáles son os próximos retos?

O principal reto é que nos tomen en serio, que sexan conscientes de que non é suficiente maquillar políticas ou usar unha estética para contentar ao movemento feminista.

Esiximos un cambio radical desde xa, e especialmente neste momento, afrontar unha recuperación social desde o feminismo, é dicir, un cambio no propio xeito de entender o mundo e, por tanto, de actuar sobre el.

- Qué opinan do uso que fan as marcas do 8M como algo “comercial”?

Non aceptamos nin compartimos que se nos utilice como reclamo comercial. A utilización de cada reivindicación e estética feminista por parte da economía capitalista valeira o propio discurso de contido. Nós traballamos por un mundo alternativo e combatimos o capitalismo patriarcal, por tanto, incomódanos moito que se nos utilice como reclamo publicitario e de reclamo comercial.

- Consideran que hai algo que estea a fallar nas políticas de igualdade de xénero?

Consideramos totalmente insuficiente o que se está a facer en políticas de igualdade de xénero. Como reivindicamos este ano e como evidenciou a pandemia, o sistema capitalista e patriarcal asigna ás mulleres tarefas de coidado, xerando o poder do mundo público e masculino, desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos. É necesario tomar conciencia da importancia de todos eses traballos invisibeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida, porque sen nós o sistema cae. E urxe darlle o valor e o recoñecemento social real. Un claro exemplo da falta de perspectiva de xénero nas decisións políticas foi que na xestión da pandemia, as medidas laborais para a conciliación consistiron en reducir a xornada ou abandonar o traballo, abocando ás mulleres a unha perda do seu nivel adquisitivo. Primouse tamén o traballo a distancia, que foi unha trampa para un importante número de mulleres, que sofren un detrimento da saúde física, emocional de psicolóxica, voltando a esfera privada e asumindo todas as responsabilidades.

En xeral, esta pandemia levou a unha situación límite a moitas mulleres que xa estaban nunha situación de exclusión, pobreza e precariedade.

- O 8M foi hai pouco, cómo o describirían? Foi como esperaban tendo en conta a situación da COVID?

Como xa comentamos, énchenos de orgullo a resposta das mulleres galegas. Con todo en contra, saímos á rúa en máis de 40 vilas, cidades e aldeas, fixemos tremer Galiza e elevamos a nosa voz reclamando xustiza social. Como só podía ser, a resposta das mulleres foi exemplar, organizamos e fixemos parte de espazos seguros para todas sen ter cedido a visibilizar a nosa situacións real tras os continuos confinamentos e medidas adoptadas pola situación sanitaria. Só podemos dicir que a resposta do feminismo galego neste 8 de marzo foi un rotundo éxito, fomos referente nas nosas mobilizacións.

15 mar 2021 / 09:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
8M
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.