Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Festival de Cans comezou este xoves a súa edición máis internacional cunha retrospectiva sobre Kleber Mendonça Filho

O certame celebrarase do 1 ao 4 de setembro e renderá homenaxe a Jorge Coira, Tamar Novas e á veciña Marisol González

VIGO. EP. O Festival de Cans arrancou este xoves a súa décimoitava edición cunha retrospectiva sobre Kleber Mendonça Filho, que levantou o pano a catro días nos que o certame do Porriño (Pontevedra) celebra a su maioría de idade con 40 actividades e presencia de cineastas de Galicia, Israel, Portugal ou Colombia, entre outros atractivos. Do 1 ao 4 de setembro, a parroquia porriñesa de Cans volverá converterse en referente cultural, recuperando algún dos seus espazos máis emblemáticos, como O Baixo de Moncho, A Casa do Carreira ou O Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso, até un total de 11 localizacións.

Nesa edición, un total de 15 curtametraxes formarán parte da sección oficial de competición de ficción e animación (8 deles estreas). Entre eles están 'What a Circus', da coruñesa Anita Pico; 'Retorno a Eleusis', de Borja Santomé, ou 'Deux Options', do vigués Gon Caride. A estas proxeccións sumaranse outras 10, na categoría Furacáns e 8 da sección Novas Camadas. O público poderá gozar tamén dos 20 videoclips que competirán polo premio do xurado na Noite Lasal, e o programa audiovisual completarase coa estrea de catro longametraxes fóra de competición.

COLOQUIOS

Por outra banda, terán presenza no festival o cineasta brasileiro Kleber Mendoça Filho (premiado en Cannes); os irmáns galegos Jorge e Pepe Coira que, xunto a Gaspar Broullón, estrearán o documental 'Beiras, vivir dúas veces', e o veterano político participará nun coloquio co público. Tamén falará cos asistentes o hispanista e historiador Ian Gibson, figura central da obra 'Donde acaba la memoria', do director vigués Pablo Romero-Fresco, que volve sobre os pasos de Luís Buñuel a Las Hurdes.

Este ano, como novidade, inaugurarase a sección 'Correspondencias', na que realizadoras e realizadores de Galicia intercambian "cartas audiovisuais" sobre a vida, a cinematografía e o mundo. A sección será estreada con partes da 'correspondencia' audiovisual intercambiada durante o confinamento polo director colombiano Samuel Moreno e o galego Eloy Rodríguez Serén. A presenza internacional completarase co portugués Nuno Beato, que presentará avance da súa próxima película, e coa realizadora israelí Imbar Horesh.

HOMENAXES E MÚSICA

Como cada ano, o Festival de Cans renderá homenaxe a cineastas e veciños, e nesta edición os recoñecementos serán para o realizador Jorge Coira, o actor Tamar Novas e a veciña Marisol González. Tamén será homenaxeado Silvino González, o "colocador de estrelas", veciño da aldea e recentemente falecido.

O programa complétase con actuacións musicais, como as de Moon Cresta, Maika Makovski, Marko Maril ou Sés, entre outros. Tamén haberá actividades didácticas para nenos e nenas, ou roteiros literarios e musicais, con Carlos Meixide e Xurxo Souto.

SEGURIDADE SANITARIA

O Festival recuperará unha das súas señas de identidade, os paseos en 'chimpín', nos que será obrigatorio o uso de máscaras e non poderán transportar a máis de 4 persoas. Así mesmo, as medidas de seguridade contemplan tamén uso de máscara e unha redución do 50 % do aforamento en todas as actividades.

A aldea deberá ser 'desaloxada' antes das 1,00 horas da madrugada e o público só poderá chegar ao recinto en bus se conta con entrada ou inscrición para as actividades. Non haberá aparcadoiros para público en Cans.

"EXEMPLO DE VALENTÍA"

Pola súa banda, durante a presentación do festival, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, referiuse a esta cita cultural como un "exemplo de valentía" e como un "escaparate" da creatividade, dinamismo e calidade do sector audiovisual en Galicia.

A ese respecto, e após eloxiar a capacidade de adaptación do certame no contexto da pandemia, lembrou que este sector é unha das "pedras angulares" das industrias culturais galegas, e reafirmou o compromiso do goberno autonómico cos festivais deste tipo.

Segundo lembrou Román Rodríguez, a Xunta contribúe á organización de 14 festivais audiovisuais en toda a comunidade, no marco do programa anual de axudas a este sector, un programa que este ano distribuirá máis de 3,6 millóns de euros a través de seis convocatorias.

"A pesar do duro golpe que supuxo esta pandemia, o audiovisual galego demostrou unha vez máis a súa fortaleza, sendo capaz de manter o seu nivel de calidade e competitividade", subliñou o conselleiro.

26 ago 2021 / 10:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.