Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O fondo para rodaxes do Hub audiovisual da Xunta xera un impacto de máis de 15 millóns

Así o confirman as primeiras estimacións dun estudo da USC sobre o retorno da filmación en Galicia de catro producións

As catro primeiras producións subvencionadas pola Xunta a través do fondo para a atracción de rodaxes do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural están a xerar un impacto económico (directo máis indirecto) en Galicia de máis de 15 millóns de euros.

Trátase da primeira estimación que arroxa un estudo encargado á Universidade de Santiago de Compostela para cuantificar o retorno da filmación na comunidade da longametraxe 13 Exorcismos, de Bambú Producciones, e das series Rapa e Argonautas, de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, que vén confirmar o efecto multiplicador do investimento público na industria audiovisual galega, que neste caso se situou en 1,3 millóns de euros.

Esta última é a contía resultante da suma das subvencións adxudicadas a estes catro proxectos ao abeiro da que foi a primeira iniciativa do hub audiovisual, posta en marcha en setembro de 2021 e que, tal e como anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ten continuidade este mesmo ano cunha segunda convocatoria dotada con dous millóns de euros, que publicará este martes o Diario Oficial de Galicia.

A capacidade de emprego das catro rodaxes, 230 contratacións en termos equivalentes anuais, é outro dos datos destacados deste balance, que Román Rodríguez avanzou na rolda de prensa que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia. Nela interviñeron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os directores executivos de Vaca Films, Emma Lustres, e Portocabo, Alfonso Blanco.

Asistiron, así mesmo, María Bastida e Miguel Vázquez Taín, profesores da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago e integrantes do grupo de investigación encargado do estudo.

Este traballo é froito da colaboración entre dous equipos da propia USC: o Grupo de análise e modelización económica (GAME) e o de persoas, organizacións sostibles e márketing (Posmark), baixo dirección de Melchor Fernández e Jesús Pereira.

Rodríguez incidiu en que é unha previsión antes da emisión dos filmes, polo que “o efecto multiplicador será, evidentemente, superior”.

Así, estes primeiros cálculos obtéñense extrapolando os costes reais do primeiro proxecto xa finalizado, Rapa, e sen ter en conta outros posibles efectos, como o retorno inducido, que se deben calcular a posteriori.

En referencia ás primeiras cifras que arroxa o estudo, o conselleiro sinalou que, “por por riba dos números concretos, reflicten en termos moi positivos o potencial competitivo, de crecemento e de xeración de emprego do audiovisual galego, así como o seu efecto tractor sobre o resto dos subsectores da nosa industria cultural e creativa”.

Puxo as catro produtoras adxudicatarias do fondo de rodaxes como exemplo do alto nivel do sector, tanto a nivel creativo como de capacidade de captación de recursos e alianzas estratéxicas para os seus proxectos.

É o caso de 13 Exorcismos con Atresmedia, Hasta el cielo con Netflix, Argonautas con TVE e Rapa con Movistar +. Esta última chegará ás nosas pantallas en maio tras a súa rodaxe a finais de 2021 na serra da Capelada e noutras localizacións de Ferrolterra, mentres que 13 Exorcismos e Hasta el cielo atópanse en pleno proceso de filmación.

Pola súa banda, a serie infantil Argonautas gravarase este mesmo verán despois de ter realizado un amplo casting en varios centros escolares da Coruña e a súa área.

A súa condición de proxectos subvencionados implicaba xa un compromiso de gasto directo na comunidade, que nos catro casos arroxa contías máis elevadas ao engadirlle a previsión do impacto indirecto. Así, segundo as primeiras estimacións do estudo, o retorno total de Rapa supera os 5,6 millóns de euros a partir dunha subvención de 300.000, mesma contía adxudicada a Hasta el cielo, cun retorno de máis de 4,7 millóns. As axudas a Argonautas e 13 Exorcismos sitúanse nos 350.000 euros en cada caso, cun impacto superior aos 2,6 e 2,3 millóns de euros.

Impulso ao sector
Acelerar a recuperación

···A posta en marcha deste fondo de rodaxes supuxo o arranque en 2021 do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia. As subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos audiovisuais e a creación do polo de aceleración do sector dos videoxogos son outras das accións xa en marcha ao abeiro do hub, ás que se lle engadirán nas vindeiras semanas as subvencións para o desenvolvemento e promoción do talento musical galego dotadas con 1,2 millóns e para proxectos de videoxogos, con 500.000 euros. E continúa traballándose no deseño da plataforma Galicia Film Office e noutras medidas transversais para a industria cultural.

Respaldo ás coprodutoras e provedoras de servizos neste ámbito
A nova liña de axudas que publicará este martes o DOG mantén os mesmos requisitos

Santiago. Na orde que publicará este martes o Diario Oficial de Galicia, esta liña do hub para o fomento e promoción de rodaxes mantén os mesmos requisitos que na súa convocatoria anterior.

De concesión automática en concorrencia non competitiva, poden ser beneficiarias aquelas empresas galegas co obxectivo de realizar proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra da comunidade autónoma.

As subvencionadas poderán exercer ben como coprodutoras destes traballos, cunha participación igual ou superior ao vinte por cento, ben como provedoras de servizos de produción, sempre acreditando a realización dun gasto mínimo en Galicia fixado en un millón de euros para longametraxes cinematográficas de ficción e animación e de 1,5 millóns de euros para as series de ficción.

A intensidade da axuda vai ligada precisamente ao investimento realizado dentro da comunidade, podendo chegar ao 20 por cento deste gasto, cunha contía máxima de 350.000 euros, para as beneficiarias que sexan coprodutoras dos proxectos, e ao 10 % e 300.000 euros no caso da contratación de diferentes servizos audiovisuais.

Esta fórmula de apoio supón, ademais, unha importante novidade no conxunto do panorama audiovisual español, posto que opta pola concesión directa das subvencións previstas para a realización de rodaxes en Galicia no canto de empregar incentivos fiscais a aqueles proxectos que neste sector poidan levarse a cabo. redacción

26 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.