Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O foro de Xela Arias salienta que foi unha escritora “loitadora”

Este encontro cultural que promove a RAG vai ter continuidade nos vindeiros xoves 18 e 25

No seu caso non é un tópico. Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) deixou na súa obra o seu propio retrato, o dunha muller “loitadora” e mesmo “temeraria” que non se deixou levar nunca pola covardía. O simposio que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica á protagonista do Día das Letras Galegas 2021 arrincou este xoxes en A Coruña na sede da institución con tres relatorios dedicados á vida e ao compromiso sociocultural da autora a cargo do seu fillo, Darío Gil Arias, e a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias e a escritora Marga do Val, amigas da homenaxeada.

O acto trouxo tamén palabras do académico Darío Xohán Cabana dedicadas a Xela Arias e un recital protagonizado polas poetas Yolanda Castaño, Emma Pedreira e Dores Tembrás xunto a Darío Gil Arias e Marga do Val.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do Simposio Xela Arias; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o fillo e a nai da autora, Amparo Castaño, inauguraron o encontro, que terá continuidade os vindeiros xoves 18 e 25 de novembro con novas achegas arredor da produción literaria, o labor como tradutora e editora de Xela Arias e o seu diálogo con outras artes. Os relatorios de distintas voces especialistas completaranse o día 18 cun concerto da Banda da Loba baseado nos seus versos e o 25 coa presentación da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, producida pola RAG da man de Miramemira con guión de María Yáñez.

“Xela Arias significa un vento fresco na poesía e na creatividade galega das derradeiras décadas do século pasado e representa tamén o pulo e a creatividade dunha xeración, especialmente importante para a renovación do discurso cultural na procura de novas formas de modernidade”, salientou Víctor F. Freixanes. “A RAG séntese especialmente orgullosa de poder acoller estas voces no canon da historia da nosa literatura”, engadiu.

A familia agradeceu as múltiples accións impulsadas por distintas institucións e colectivos ao longo deste ano para celebrar o Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedicou á escritora.

“Este ano fixo que me achegase aínda máis á miña nai e descubrise perfís ata o momento descoñecidos para min”, expresou Darío Gil Arias. O fillo da homenaxeada foi o encargado de abrir a quenda de relatorios, moderada por Yolanda Castaño, cunha ollada dende o cotián a unha muller que hoxe chocaría co culto ao éxito e á competición “en todo e contra todos”, e que sempre demostrou un “profundo sentido da xustiza e da liberdade, que lle facía comprometerse con todas aquelas causas que ía recoñecendo. “Tiven a sorte de que a miña nai me levase a todos os actos e encontros nos que participaba”.

11 nov 2021 / 19:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.