Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Gaiás exhibirá de forma permanente un mural recuperado de Luís Seoane

A obra foi inicialmente concibida para a separación de dous espazos na fábrica de Porcelanas de Magdalena, fundada por Díaz Pardo a carón do río da Prata

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhibirá de xeito permanente un mural realizado na Arxentina por Luis Seoane, que a Xunta de Galicia vén de recuperar para o patrimonio público. Así o anunciou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación desta peza, unha das poucas testemuñas que se conservan en Galicia da produción muralística deste gran renovador da arte galega do século XX, e impulsor dunha obra gráfica, editorial e empresarial de fonda pegada cultural.

A peza foi realizada por Seoane na década dos 70, encargada por Isaac Díaz Pardo para separar o obradoiro e as dependencias administrativas na fábrica de Porcelanas de Magdalena –Celtia SA– que el mesmo fundara na Arxentina. O acto de presentación da obra no andar 0 do Museo Centro Gaiás contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira Castro; e Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro, fillos de Díaz Pardo e comisarios da exposición As miradas de Isaac.

Trátase dun gran mural de 230 por 390 centímetros e 200 quilos de peso, formado por catro paneis de idéntico tamaño perfectamente ensamblados entre si. Sobre un fondo de táblex de madeira e cartón pintado –con pigmento amarelo mesturado con area do río da Plata–, Seoane plasmou unhas formas en relevo influenciadas por elementos da cultura popular galega, moi presentes en toda a súa obra do exilio. Na parte superior, unhas rodas lembran ás dos carros de bois, mentres que na parte inferior se atopan as ondas do mar e conta coa sinatura característica do autor no ángulo superior esquerdo.

O conselleiro de Cultura referiuse á obra como “unha das poucas mostras que temos en Galicia da arte de Seoane neste formato pictórico, que si conta cunha grande presenza na Arxentina”. Neste sentido, sinalou o conselleiro, “a propia condición do autor como emigrante, exiliado e con propósito de retorno a súa terra; así como a conexión da peza coa obra artística americana feita por artistas galegos, fan que tanto a nivel histórico como artístico e simbólico, a obra sexa dun alto interese para preservar e exhibir nunha institución pública galega”.

A adquisición da peza foi realizada tralo certificado favorable emitido polo Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

en buenos aires
unha historia
de amizade

··· Este mural, que agora se exhibirá na CdeC de maneira permanente, foi realizado por Seoane en Arxentina. De feito, é un dos poucos murais de Seoane que se poden ver en Galicia, a maioría atópanse en Buenos Aires -onde hai un circuíto de 25, algún deles en edificios moi relevantes-.

···Este ten a particularidade de ser un encargo de Díaz Pardo. Isaac encargoullo para a fábrica de cerámicas que fundou na Magdalena, a cen quilómetros de Buenos Aires. De feito, está realizado con area do Río da Prata.

···Ao final trátase dunha obra que fala das Galicias a ambos os dous lados do Atlántico, e que é o resultado da extraordinaria historia de amizade entre dúas dos artistas galegos máis relevantes do XX: Seoane e Díaz Pardo, que xuntos sacaron adiante proxectos con tanto impacto como o Laboratorio de Formas ou Sargadelos.

··· Neste acto estiveron os fillos de Isaac: Xosé e Camilo. De feito, Camilo lembraba cando se instalou o mural na fábrica, na época na que el se trasladou a Arxentina co seu pai, sendo el estudante de Químicas.

07 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito