Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Goberno galego mantén o seu obxectivo de que a cultura siga de xeito seguro

Hoxe no Espazo Cinema proxectarase a versión polícroma restaurada do documental de 1927 ‘Pontevedra, cuna de Colón’

Un ano máis o Goberno galego é o patrocinador principal en Culturgal, a gran cita das industrias culturais que celebra desde onte a súa 13ª edición con máis de 70 propostas culturais nos ámbitos da música, escena, literatura, arte e ciencia. Trátase dunha edición marcada pola crise sanitaria que se leva a cabo adaptándose ás restricións sanitarias a través dunha ambiciosa retransmisión en liña que busca abrirse a un público máis numeroso.

No marco da programación de onte, o Goberno galego ofreceu un avance da súa programación cultural para o vindeiro ano. Neste sentido, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o de Política Lingüística, Valentín García, inciden na necesidade de fomentar a produción cultural nas súas diversas vertentes, así como de estimular a oferta e a participación social. Precisan que a Consellería de Cultura traballa xa na configuración de máis de mil eventos que van desde exposicións, espectáculos, concertos e proxeccións ata obradoiros, festivais e congresos.

O obxectivo da Xunta neste sentido é claro: que a cultura siga de xeito seguro, para o que os orzamentos recollen un 27,4 % máis de investimento en 2021 no eido cultural, dando así continuidade ás medidas do Plan de Reactivación. Nesta liña, os representantes autonómicos explican que tamén se levarán a cabo programas de dinamización cultural no ámbito da lectura, do audiovisual, das artes escénicas e musicais, así como das artes plásticas da proxección exterior da cultura galega.

Onte o Pazo da Cultura tamén foi o escenario de diversos espectáculos e actuacións impulsadas ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta. Concretamente, o espazo de Culturgal acolleu os concertos de Susana Seivane, Luar na Lubre e o espectáculo teatral Sofía Unipersonal, de Inversa Teatro.

Por outra parte, as actividades continuarán hoxe coa presentación da programación da Cidade da Cultura, co festival Escenas do Cambio ou as exposicións Galicia, de Nós a nós e As miradas de Isaac. Ademais, no Espazo Cinema, proxectarase a versión polícroma restaurada do documental de 1927 Pontevedra, cuna de Colón, peza de Enrique Barreiro pioneira na experimentación para dotar de cor a imaxe cinematográfica. A programación dominical tamén inclúe o concerto de Os d’Abaixo (20.00 horas) e o espectáculo Ópera Break’s, de Vella Escola (19.15 horas).

Accesible desde a casa. Culturgal 2020 estrutúrase arredor de catro espazos no Pazo da Cultura e no Teatro Principal de Pontevedra: Cinema, Foro, Escena e Libro, dos que os tres últimos son accesibles para o público desde as súas casas a través das súas respectivas canles na páxina cultur.gal e en YouTube. En canto á asistencia presencial, para garantir o acceso é preciso retirar previamente o convite na web do evento.

Pola súa banda, os concertos poderán ser seguidos desde o Auditorio do Pazo da Cultura a través da Canle Escena, mentres que o espazo Cinema é o único no que o acceso do público será exclusivamente presencial. Nel proxéctanse títulos recentes do audiovisual galego, como A illa das mentiras, Arima, Longa noite, A media voz ou Ons.

Aumenta o orzamento para conservar o patrimonio. Por outra banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou onte o reforzo inversor que o Goberno autonómico levará a cabo en 2021 no ámbito da conservación do patrimonio grazas a unhas contas, dixo, “valentes e comprometidas coa cultura” nas que se incrementará un 19% o investimento específico en rehabilitación do patrimonio. Así o manifestou durante as visitas que realizou a diferentes bens que encaran a súa recta final de rehabilitación.

29 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.