Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O historiador Lourenzo Fernández Prieto, novo académico de número

A RAG abre o proceso para elixir executiva ao cumprirse os catro anos do actual presidente

A Coruña. A Real Academia Galega elixiu a Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) novo académico de número no pleno ordinario. O historiador, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza en abril do ano pasado. Na mesma sesión declarouse a vacante producida polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG entre 2001 e 2009, e oficializouse a finalización do mandato da comisión executiva presidida por Víctor F. Freixanes. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.

Lourenzo Fernández Prieto é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural, Histagra, e dirixe tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco na que presta especial atención á análise da memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios.

No pleno tamén se oficializou, de acordo cos estatutos da institución, a conclusión do mandato de Víctor F. Freixanes, elixido presidente da Real Academia Galega hai catro anos, o 28 de marzo de 2017. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses. Segundo a normativa da institución, ata o momento da nova elección ocupará interinamente o cargo de presidente o secretario da executiva saínte, Henrique Monteagudo, a quen lle corresponde poñer en marcha o proceso electoral. A candidatura ou candidaturasque poidan concretarse deben ser presentadas ata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do pleno extraordinario de elección. MARÍA ABASCAL

28 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito