Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O impacto da peregrinación a Santiago na construción do europeísmo, a través da arte

‘Xacobeo. As pegadas do Camiño’ recolle dúascentas pezas históricas entre cartografía, manuscritos ou códices medievais

O papel da peregrinación a Compostela desde as súas orixes ata os nosos días no desenvolvemento da vocación europeísta pode xa observarse a través da exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, inaugurada este venres no Museo Centro Gaiás.

Unha mostra coorganizada polo Goberno galego, a Biblioteca Nacional e Acción Cultural Española, e que foi inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

No acto de apertura, o responsable de Cultura celebrou a chegada a Galicia “dunha das retrospectivas máis minuciosas á hora de ilustrar a evolución do Xacobeo ao longo da historia”.

“Esta mostra constitúe unha das maiores e máis documentadas investigacións realizadas sobre o fenómeno do Camiño de Santiago, na que se pon en valor o importante tesouro patrimonial que abranguen as distintas expresións culturais vencelladas coa peregrinación”, explicou Román Rodríguez.

Comisariada por Darío Villanueva. Neste senso, aproveitou a ocasión para agradecer a “colaboración activa” da Biblioteca Nacional e de Acción Cultural Española e o “exemplar labor”, tanto por parte do comisario da exposición, Darío Villanueva, como do comité científico, integrado por reputados investigadores da Historia da Arte e das artes gráficas.

“A cooperación e rigor desta mostra constata o gran valor que posúe o Camiño de Santiago como elemento de unión e dinamizador da actividade cultural a nivel nacional”, precisou.

O director cultural da BNE, Ángel Martínez Roger, quixo facer fincapé en que “para a Biblioteca Nacional de España é unha gran satisfacción mostrar os seus ricos fondos orixinais sobre o Camiño en Santiago, deixando así unha pegada máis neste camiño que percorre a historia e as culturas que o alimentan”.

O acto contou, ademais, coa participación do comisario da exposición, Darío Villanueva, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

A mostra reúne un total de dúascentas pezas pertencentes na súa meirande parte aos fondos da Biblioteca Nacional, ademais de valiosas achegas doutras institucións, como o Museo del Prado, e chega a Compostela despois de ser exhibida na sede da Biblioteca Nacional en Madrid, onde foi visitada por preto de 19.000 persoas.

Aberta ao público ata o 29 de maio. Desde este venres e ata o 29 de maio poderá contemplarse na Cidade da Cultura da capital galega.

Pinturas de mestres clásicos, como Murillo ou un discípulo de El Greco, manuscritos e códices medievais ou mapas históricos, artellan un relato poliédrico, abordando a pegada do Camiño na cultura europea desde un punto de vista cultural, artístico, literario, sociolóxico, antropolóxico, xeográfico, paisaxístico e mesmo vivencial.

Entre a escolma de obras que presenta a mostra destacan xoias documentais e bibliográficas, como o primeiro himno na honra de Santiago O Maior, O Dei Verbum, conservado nun breviario do século IX, ou unha tradución temperá ao galego-portugués do Liber Sancti Iacobi. Miragres de Santiago, datada no s. XIV ou comezos do XV.

Ademais, exhibe dúas importantes pinturas con temática xacobea: El Apóstol Santiago (1655) de Murillo e Julián Romero y su santo Patrono (1585-1589) da escola de El Greco, ambas cedidas polo Museo del Prado.

Como novidade respecto ás obras exhibidas en Madrid, a exposición no Gaiás suma catro pezas cartográficas pertencentes á colección de Jaime Terceiro Lomba.

Entre elas atópase un mapa europeo de distancias (1650) onde a única cidade española que aparece é Santiago, ou outro de orixe francesa (1659) considerado moi singular pola súa composición, xa que presenta unha orientación invertida do territorio francés e español.

A exposición complétase con fotografías históricas e actuais, diarios de peregrinación, crónicas, obras de literatura odepórica italiana (de viaxes), gravados, estampas, selos postais ou carteis, alén dunha parte dedicada á música e á produción fílm’ica xurdida ao abeiro do Camiño.

O espazo da mostra foi ideado pola escenógrafa e deseñadora de exposicións catalá, Anna Alcubierre, que colabora con institucións como o Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC), o Museo Picasso de Barcelona ou o Museo Nacional de Escultura, entre outras.

O percorrido está organizado para que o visitante se adentre no Camiño de maneira unidireccional, cun eixo central trazado polas imaxes do fotógrafo Xurxo Lobato, que nos debuxan a parte máis humana dos peregrinos.

Máximo nivel
Destacados expertos

···Académico da RAE, o comisario da mostra, Darío Villanueva, foi director da institución entre 2015 e 2019. É catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago, da que foi reitor. No seu labor como comisario da exposición estivo apoiado por un recoñecido comité científico asesor formado polo presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken; a historiadora da Arte, Carmen Manso; o catedrático de Historia da Arte da USC Juan Monterroso e o politólogo e profesor de Ciencias Políticas da USC, Xosé Luis Barreiro.

···A exposición complétase cun catálogo, que ademais das achegas do comisario e do comité científico, conta con textos de importantes colaboradores como Andrés Torres Queiruga, teólogo e escritor; Ramón Yzquierdo, doutor en Historia da Arte; Rocío Sánchez Ameijeiras, profesora de Historia da Arte na USC ou Carlos Villanueva, musicólogo.

11 mar 2022 / 16:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.