Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O libro ‘Estampas do Grove’ amosa en máis de 100 fotos o gran traballo de Paco Luna

É unha proposta editorial de Lúdica7 para relanzar a artistas anónimos en Galicia // A súa presentación terá lugar esta tarde

A Sala de Cunchas do Concello do Grove acolle hoxe, ás 19.00 horas, a presentación do libro Estampas do Grove, do autor Paco Luna, a proposta da editorial LúdicaLIBROS. O acto estará presidido polo alcalde da localidade, José Antonio Cacabelos, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Xunto coa presentación da obra, inaugurarase tamén unha exposición de doce láminas en gran formato incluídas na obra.

A proposta editorial de Lúdica7 é un libro de 122 fotografías do concello do Grove, en formato de 17 x 24 cms, encadernado en tapa dura e cunha extensión de 136 páxinas impresas en papel de alto brillo. “É unha aposta por recuperar das redes sociais aqueles extraordinarios artistas gráficos que aínda non teñen editada ou impresa a súa obra, e apoialos para visualizar a súa capacidade artística. Moitos fotógrafos teñen subidas as súas fotografías de Galicia ás redes sociais e son extraordinarias, pero sorprendentemente, non as teñen impresas”, indican desde a editora. Lúdica7 quere tamén destacar o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística nesta edición facilitando esa aposta da editorial para relanzar fotógrafos anónimos en Galicia.

NAS LIBRARÍAS. Este traballo distribuirase a través de librarías da comarca aínda que no acto de presentación poderase adquirir a un prezo sensiblemente inferior. Paco Luna, andaluz felizmente xubilado no Grove –a súa terra de acollida– exerceu de mozo como fotoxornalista, colaborando cos xornais Sol de España e Diario Sur de Málaga. Agora adica todo o tempo que pode á familia e á súa paixón: a fotografía; unha terapia, di, coa que se relaxa e goza de canto o arrodea.

A BELEZA DO GROVE. Coa súa cámara sempre aberta, nos últimos anos foi quen de captar como ninguén a beleza do Grove, a ría de Arousa e outros puntos da bisbarra. É́ un apaixonado da fotografía e das paisaxes galegas, especialmente da zona da Lanzada, que inmortalizou coa súa cámara dende que chegou a Galicia. “Encántame facer fotos das paisaxes e das xentes desenvolvendo as súas actividades cotiás e dedícolle todo o tempo que podo. Aqui no Grove teño a contorna perfecta: paisaxe inigualable e xentes entrañables e agarimosas”, explica Luna.

PRAIA DA LANZADA. Nas súas exposicións mostra instantáneas e repasa algúns dos seus recantos preferidos da comarca grovense, como a praia da Lanzada, “que nunca me canso de mirar”, di, “porque ten unha luz marabillosa a calquera hora”. Paco retrata a beleza de solpores e amenceres, compartindo protagonismo cunha serie fotográfica das mariscadoras en plena faena na Illa da Toxa, e que segundo sinala, “son das que máis gustan aos turistas”.

EXPOSICIÓNS
Retratos dos veciños

··· Nas exposicións de Paco Luna, tampouco faltan retratos de veciños do Grove protagonizando escenas cotiás, de entre as que o autor de ‘Estampas do Grove’ resalta un par delas nas que homes e mulleres de certa idade aparecen parolando sentados na raxeira, e que titula ‘O parlamento’. Colaborador cotián de ‘OcioSOS’ e a revista ‘Martes Galicia’, non é esta a primeira vez que os veciños do Grove gozan da súa arte, non só en galerías senón nas propias rúas, xa que as súas fotos estiveron penduradas en lonas nos balcóns da vila, no marco de distintos proxectos culturais.

04 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito