Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Literatura infantil e xuvenil. Elos de Lectura

O misto que nos educa en materia de xestión emocional

INÉS MOSQUERA

CIRPH

O selo de literatura infantil e xuvenil Antela Editorial achéganos no seu catálogo de novidades un álbum ilustrado destinado a lectorado a partir dos tres anos. Trátase de LUUUME!, coas ilustracións da artista conceptual e ilustradora Laura Miranda Moreno e os textos da titiriteira e mestra Andrea Freire. Engádese á colección de álbums ilustrados “Pitiños” da editorial, acompañando así os títulos O xigante de Allariz, Xa non son malo, Fronteiras de papel e Elvira.

Presentado en formato cartoné é inevitable non reparar na vistosa portada, enfeitada con lucidos trazos dunha relucente cor dourada, na que se pode apreciar un misto ardendo con fulgor e cuxo deseño continúa na cuberta posterior da obra. Ao longo de todo o volume, ilustracións e texto fúndense harmoniosamente nunha combinación de cores cálidas e frías que acompañan a tensión do fío argumental.

O protagonista desta obra é Misto, un pequeno que sempre anda alporizado e cuxa máxima ante calquera situación que ten que afrontar é: “Non quero! Non quero e non quero!”. Tanto chega a enfurruñarse que a cabeza lle comeza a botar chispas ata prenderse. Misto bota lume cada vez que ten que facer calquera acción cotiá como ir á escola, cooperar cos compañeiros de clase ou mesmo deitarse á súa hora, polo que vive nun estado constante de rabia que non é quen de controlar.

A Misto fanlle comprender que ter emocións non é malo e non o culpabilizan, mais terá que aprender a xestionarse para que o lume non se apodere del e do seu entorno cada vez que teña que afrontar algunha circunstancia que non sexa do seu agrado. É entón cando se decata de que quizais, intentando probar consigo mesmo a táctica que empregan os demais con el, pode que teña algunha oportunidade de aprender a reconducir a rabia sen anular os seus sentimentos. Así, Misto proba as estratexias de xestión emocional dos seus achegados cun emotivo resultado, porque por probar non se perde nada.

A historia deste pequeno misto brinda unha grande oportunidade para abordar co lectorado cuestións relativas ás emocións, pensamentos e accións. Estas levan a comprender os propios sentimentos e a desenvolver estratexias comunicativas e de comportamento, fomentando o progreso da intelixencia emocional. Podemos afirmar, pois, que estamos ante unha recomendable obra cunha coidada edición cuxo contido alenta a reflexionar en termos de condutas sobre as que traballar na infancia para a estimulación dunha madurez sa.

inesmosquerac@gmail.com

Álbum poético sobre a realidade do chabolismo

ROCÍO GARCÍA

LITER21-USC

Terra de ninguén (El gallinero) é un novo álbum poético publicado pola editorial Kalandraka na colección “MareMar”, traducido ao galego por Manuela Rodríguez.

Cunha grande expresividade artística, a partir das ilustracións narrativas de Federico Delgado (Badaxoz, 1956), con texto de María José Floriano (Madrid, 1976), nárrase a vida dunha comunidade desfavorecida en chabolas das contornas urbanas. As dificultades e as ilusións dos que viven excluídos, pensando sempre en cambiar de vida, son expostas con tenrura e emoción, transmitindo esperanza sobre todo desde a mirada infantil que, a modo dun circo, percorre o día a día de maiores e rapazada, oficios, afeccións, arte de vivir en condicións moi pouco confortables. Unha chamada de atención para tentar solucións dignas a problemas aínda presentes, non resoltos, malia os realoxamentos de poboados xa practicados nas sociedades occidentais.

rociogpedreira@gmail.com

Imos de mudanza con Ana Vigo na editorial Galaxia

BLANCA ROIG RECHOU

LITER21-USC

A Editorial Galaxia, recentemente, engadiu ao corpus da súa colección xuvenil “Costa Oeste” a novela Erica, da xa recoñecida escritora e comunicadora Ana Vigo (Pontevedra, 1992).

Trátase dunha narración, protagonizada por Erica, unha rapaza farta de ter que andar de mudanzas cada pouco tempo debido á profesión do seu pai. Nos quince capítulos de que consta, despois de presentar os personaxes principais, sobre todo a Erica, nárrase a chegada á vila Adormecida, as aventuras e desventuras polas que pasan neste seu novo destino e a axuda que os novos amigos de Erica lle prestan para poder decatarse da necesidade de equilibrio entre os reis Morfeonía, Soño e Pesadelo, baixo as ordes do gran Imperante. Un proceso verosímil, dentro do xogo fantástico, xa que se sabe que a protagonista non pode soñar debido a unha enfermidade, pero tamén se demostra a súa habelencia para xogar co soño e a realidade.

blanca.roig@usc.es

Unha nova antoloxía dos contos dos Grimm

carmeN FERREIRA

UDC/CIRPH

Parabenizamos ao selo editorial Sushi Books que acaba de incluir no seu catálogo o volume 45 contos dos irmáns Grimm para nenos e para a familia que selecciona corenta e cinco dos contos da transmisión oral recollidos polos irmáns filológos alemáns Jacob (1785-1863) e Wilhelm Grimm (1786-1859). A antoloxía, publicada na colección “Intermedio”, foi traducida ao galego desde a versión orixinal alemá por Jennifer Gómez Vilar e acompáñase de fermosas ilustracións en branco e negro. Inclúe contos dos máis célebres, mais tamén outros menos coñecidos nunca antes traducidos ao galego

Trátase dunha das obras máis difundidas e traducida da literatura alemá e que contribuíu á consolidación do conto como xénero literario e á conformación da Literatura Infantil e Xuvenil, sobre a que se teñen realizado multiplicidade de reescrituras con distintas finalidades. Unha nova achega que actualiza esta obra clásica atemporal!

m.fboo@udc.es

Un fermoso álbum que mostra as distintas caras da choiva

JAVIER CABO

LITER21-USC

A nenez aprecia os fenómenos naturais desde unha ollada esencialmente cuantitativa. Tal é o caso obvio da choiva que, polo tanto, só lle parecerá grosa ou fina, forte ou suave e breve ou prolongada. En realidade o único que conta para o seu innato egocentrismo son as súas consecuencias á hora de non poder saír de casa: unha chuvisca cobra visos de diluvio, mentres que ningunha seca resulta demasiado curta. En As caras da miña choiva (Galaxia, 2021), a escritora e ilustradora Kristina Sabaite pretende con loable iniciativa ir máis alá, dando un salto ao cualitativo, mediante un cursiño acelerado de pluri-pluviosidade imaxinativa.

Presenta a unha nena, ben a salvo baixo o seu paraugas e xunto a unha parella de mascotas, que aprende a distinguir gota a gota os distintos matices chuviosos grazas ao exercicio da observación. Como sucede en todas as mitoloxías, o fenómeno celeste personifícase e cobra trazos humanos moi concretos – incluso aproveitando para gozar dun xeado nun brillante tour de force -, o que permite á protagonista empatizar sucesivamente con cada un dos seus avatares. Non hai dúbida de que suscitar o interese infantil cara a semellante temática, en principio máis ben pouco atractiva, supón todo un reto, cuxa audacia é digna de eloxio, e acaso logre incluso suscitar algunha vocación de meteorólogo. En efecto, preséntase unha visión panteísta da natureza desde un ángulo sorprendente e que podería estenderse a outras manifestacións, como as nubes, aínda máis apropiadas para iso.

En canto ás ilustracións, esfórzanse por transmitir os efectos atmosféricos evitando con destreza caer na monotonía a base de marcar as súas diferenzas, mentres a disposición en formato vertical serve moi ben para acentuar a omnipresencia da choiva. Ensinanza: ao mal tempo, boa lectura.

22 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.