Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Museo do Mar de Galicia homenaxea a Antonio Palacios

A exposición, que poderá visitarse ata finais do mes de xaneiro en Vigo, inclúe duascentas pezas

Aberta ata finais do próximo mes de xaneiro no Museo do Mar de Galicia, a exposición Antonio Palacios. Soños da modernidade, compromiso de Galicia, é unha nomenaxe do Goberno autonómico ao urbanista e arquitecto galego.

Unha mostra que visitou este sábado o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e que está enmarcada no programa de actividades que está a impulsar o Goberno galego polo Ano Palacios.

Na súa visita, Román Rodríguez referiuse á “creatividade única” de Palacios, que lle permitiu deixar “unha pegada imborrable no imaxinario arquitectónico de Galicia”.

Segundo o conselleiro, Antonio Palacios foi quen de “crear unha marca propia” coa que soubo “combinar vangarda creativa co modelo residencial galego”.

Incidiu na vixencia da súa obra e na necesidade de poñela en valor e de divulgala entre as novas xeracións.

Comisariada polo catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago (USC), Jesús Sánchez García, a mostra reúne máis de 200 pezas, algunhas nunca antes expostas. Entre elas, Román Rodríguez destacou a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo, elaborada ex profeso por alumnado do IES Politécnico desta cidade.

A través de tres ámbitos, Arquitecturas para a modernidade, Os apoios na tradición e na historia e A construción dunha identidade, o público poderá achegarse tanto á produción arquitectónica como ás inquedanzas artísticas e ás iniciativas culturais de Antonio Palacios dentro da súa traxectoria vital entre a comunidade galega e Madrid.

Nas distintas seccións amósanse planos de proxectos, así como imaxes das principais obras en Galicia e Madrid tomadas polo fotógrafo Ricardo Grobas, vellas fotografías do arquitecto e das súas amizades, prensa histórica para documentar a acollida das súas propostas e iniciativas culturais, e pezas orixinais relacionadas cos seus deseños para a decoración interior dos edificios.

Hai, ademais, numerosas maquetas que amosan diferentes edificios como o Teatro García Barbón de Vigo, o Círculo de Bellas Artes e o Templo do Mar de Panxón.

A mostra inclúe pezas audiovisuais nas que se reúnen fragmentos de vellas películas nas que asoman os seus edificios, facilitadas pola Filmoteca de Galicia.

Pode visitarse ata xaneiro de martes a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. Os sábados, domingos e festivos, poderá visitarse de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

Nado en Porriño en 1874, Antonio Palacios é recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX.

13 nov 2021 / 15:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.