Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Narrativa Breve Repsol, para Dávila por ‘Illa decepción’

O xurado destaca a “voz poderosa” da obra coa que a autora recibe o galardón por segunda vez

A obra Illa decepción da escritora Berta Dávila resultou gañadora da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou onte a portavoz do xurado, Anna R. Figueiredo.

Dávila convertese por segunda vez en gañadora deste galardón, que obtivo na VII edición coa súa novela O derradeiro libro de Emma Olsen (2013, Editorial Galaxia).

O acto do ditame tivo lugar na sede da RAG na Coruña, e contou con representantes das cinco entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes; o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez.

O premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro por Galaxia.

Nesta edición presentáronse 38 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

O xurado elixiu Illa decepción por unanimidade e destacou o alto nivel de participación e a innegable calidade de moitas das novelas, amais da grande variedade de temas, rexistros e estilos.

Figueiredo transmitiu que o xurado define Illa decepción como “unha novela de auto representación, na que a autora navega polos lugares cotiáns cunha delicadeza estilística posuída de gran elegancia, ao tempo que expón cuestións de fondo calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade”.

Entre a realidade de Santiago, a sutileza na representación pictórica do confinamento, as viaxes soñadas e a rutina das lavanderías de pago, emerxe o universo ficticio como metáfora dun mundo en redefinición que bebe da emoción das experiencias pasadas para construír o seu territorio vivencial presente.

Estilisticamente, destacou que Illa decepción “é unha obra escrita con admirable dominio dos recursos expresivos, extraordinario aproveitamento das imaxes, símbolos e referentes, e unha prosa depurada na que nada sobra e todo é substantivo”. Considerou que a narración revela unha voz poderosa, absolutamente actual.

Berta Dávila (Santiago, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG).

Na narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (2008, Biblos de Novela), á que seguiu A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), traducido ao castelán e xaponés.

O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de o Narrativa Breve Repsol en 2013 obtivo o Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Autora do Ano 2013 e o da Crítica 2019.

desde 2006
referente

···O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol convoca o premio coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Editorial Galaxia, a RAG e a AELG.

···O xurado nesta edició estivo composto por Carlos González de Lema, director de Edicións de Galaxia; Antón Lopo, gañador da duodécima edición do premio; Mercedes Queixas Zas, académica correspondente da Real Academia Galega; Armando Requeixo Cuba, crítico literario, e Anna R. Figueiredo.

01 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.