Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O novo de Glück chega esta semana ás librarías, tamén en galego

A autora publica o seu primeiro poemario despois de recibir o Nobel, ‘Receitas de inverno desde a comunidade’ // Xa se poden facer as reservas de exemplares na web de Chan da Pólvora, a editorial que a publica en galego // Con motivo deste lanzamento, o selo compostelán fixo unha edición especial de ‘Noite fiel e virtuosa’, que se porá simultaneamente á venda

Desde o próximo 20 de outubro pódense facer os pedidos na web de Chan da Pólvora de Receitas de inverno desde a comunidade, o primeiro título que publica Louise Glück despois de recibir o Nobel de Literatura en 2020. Como se fose unha especie de homenaxe á cifra que a consagrou mundialmente, a autora decidiu que tamén sexa un día 20 cando se faga o lanzamento mundial do volume, acontecemento ao que se une a lingua galega con Chan da Pólvora. Con este motivo, a editora porá tamén en circulación unha tiraxe especial de Noite fiel e virtuosa, o anterior volume de Glück.

Receitas de inverno desde a comunidade [en inglés Winter recipes from the collective] é o título do primeiro libro da poeta norteamericana Louise Glück despois de recibir o Premio Nobel Literatura de 2020, que será lanzado mundialmente o próximo 20 de outubro, acontecemento ao que se une a lingua galega a través de Chan da Pólvora, depositaria dos dereitos para o noso idioma da poeta norteamericana. Desde este 20 de outubro, xa se poden facer os pedidos do volume a través da web de Chan da Pólvora [www.chandapolvora.gal] e será a partir do xoves cando o volume chegue ás librarías.

A editora fixo unha forte aposta pola poeta e en dúas temporadas publicará tres dos seus libros, entre os que figura o emblemático Averno. Pero antes de que apareza Averno, o selo achegoulle ás lectoras e aos lectores a pasada primavera Noite fiel e virtuosa. Agora é a quenda de Receitas de inverno desde a comunidade, inédito de Glück que aparece simultaneamente en galego e inglés. Para celebrar este lanzamento, Chan da Pólvora achega unha edición especial de Noite fiel e virtuosa, con portada diferente á publicación inicial e especialmente dedicada á poeta, que persoalmente a elixiu. Samuel Solleiro é o encargado de traducir estes títulos.

Receitas de inverno desde a comunidade é un libro sorprendente, en parte porque ninguén esperaría que Louise Glück reunise uns poemas de apariencia tan sinxela para a súa primeira publicación despois de recibir o prestixios Premio Nobel. Se o seu libro anterior, Noite fiel e virtuosa era un despregamento de recursos que refundaban a súa poesía, agora asistimos a unha inquietante estilización da voz e da expresión. O que en Noite fiel e virtuosa era poñernos diante do abismo da morte, en Receitas de inverno desde a comunidade é colocarnos ante a fiestra do único que en realidade coñecemos: a vida. O poema diversifícase. A temática destílase.

A aparataxe simbólica depúrase ou deslízase por superficies retorcidas como paisaxes surrealistas. Aparecen os temas predilectos de Glück e, por suposto, non pode faltar a súa irmá morta, a súa nai ou as historias de amantes sádicos. Todo o seu mundo está aí, incluso as nosas vidas.

Os libros da Nobel de 2020 aparecen na colección O Río, dedicada especificamente ás traducións. Nesa mesma colección, publicáronse títulos como Físico de Andrew McMillan [vertido ao galego por Isaac Xubín] e Ferrovías de John Berger e Anne Michaels [con tradución de Martín Veiga]. Nela aparecerá, de maneira simultánea a Glück, o volume As mulleres e os días, poesía reunida de Gabrirel Ferrater que traduciu Manuel Outeiriño.

Noite fiel e virtuosa, publicado orixinariamente en 2014, é unha das obras máis singulares de Glück, non só porque usa por vez primeira a prosa nos seus poemas senón tamén porque desenvolve, baixo un catálogo ficcional, a complexidade das identidades de xénero. Deste xeito, a autora fala a través dunha muller e dun home, creando un xogo de espellos escintilante que redimensiona os poemas. Ao mesmo tempo, Glück abandona a temática mitolóxica que caracterizara as súas obras anteriores e adéntrase nun enganoso aspecto biográfico para falar, sobre todo, da morte, pero tamén da vellez, do amor e mais da experiencia.

Louise Elisabeth Glück [Nova York, 1943] é unha das poeta norteamericanas de maior recoñecemento na actualidade. Ademais do Nobel, recibiu algúns dos máis prestixiosos garalardos do seu país, entre eles o Pulitzer por The Wild Iris en 1993. En 2020 converteuse na decimosexta muller en obter o Nobel de Literatura. Trátase dunha autora que tece poemas de curte confesional e expresión formal narrativa, reflexiva nun lindeiro que con frecuencia se cruza coa revelación. Nos seus poemas adoita definirse como unha muller que pasou a vida buscando a aprobación da súa nai. “Escribo [asegurou unha vez] para falar a aqueles aos que escoitei”.

Samuel Solleiro [Tui, 1982] publicou en Chan da Pólvora O mundo dos vivos, un libro que marcou o seu regreso á poesía doce anos despois de escribir Punk, o seu poemario de xuventude. O libro afianzou a súa sona de loitar contracorrente, acadada xa na narrativa, e confírmouno como un escritor de gume afiado, capaz de irromper na lectura do poema con descargas de inxenio. Guitarrista no grupo Ataque Escampe, Solleiro é tradutor de profesión, licenciado en Antropoloxía e Filoloxía. Publicou sobre todo narrativa, xénero no que figuran títulos como Dz ou o libro do esperma (2006) e Gran tiburón branco (2012).

18 oct 2021 / 19:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.