Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O novo festival de teatro Valle-Inclán invita a redescubrir a un dos escritores máis brillantes da nosa historia

    Escénicas. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do Festival de Teatro Valle-Inclán que este verán celebra a súa primeira edición en Vilanova de Arousa. Trátase dun encontro organizado pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán que terá lugar entre os días 11 e 15 de xullo co apoio da Xunta de Galicia.

    No transcurso da presentación, o responsable autonómico de Cultura fixo un chamamento para redescubrir con este festival un dos autores “máis brillantes, máis creativos e máis diversos da nosa historia”. “Valle-Inclán renovou o imaxinario literario da súa época cun torrente de creatividade sen precedentes”, afirmou Román Rodríguez. Neste senso, o conselleiro felicitou a Asociación de Amigos de Valle-Inclán por poñer en marcha unha iniciativa que permita seguir divulgando e ofrecendo novas olladas ás obras do autor e mostrouse convencido de que esta nova proposta colleitará moitos éxitos, xa que case un século despois do seu pasamento “o autor arousano segue a sorprender pola súa xenialidade e pola súa incalculable imaxinación”.

    O encontro contará coa participación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, El Brujo, Títeres Cachirulo e Pabellón 6 para representar obras do autor sobre o escenario. Así, a primeira das citas é o luns 11 na igrexa Vella da Pastoriza, onde Títeres Cachirulo ofrecerá A cabeza do dragón. A compañía repetirá a función o día seguinte no Pazo de Vista Real-Corón.

    El Brujo, pola súa banda, estreará Luces de bohemia o martes no Teatro-Auditorio Valle-Inclán, onde volverán o mércores con El alma de Valle-Inclán. Xa o xoves 14 será a quenda da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia con Divinas Palabras.

    A compañía Pabellón 6 pechará o encontro o venres 15 con Luces de Bohemia no Teatro-Auditorio Valle-Inclán. Todas as citas terán lugar ás 19.30 horas. ECG

    02 jul 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito