Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“O océano axuda a mitigar o cambio climático, pero a un custo moi alto” afirma Fiz

O profesor entra na RAGC como académico numerario pola súa excelencia investigadora no campo da oceanografía química

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou no Pazo de San Roque de Santiago o acto de ingreso de Fiz Fernández Pérez (Alicante, 1957), como académico numerario da Sección de Química e Xeoloxía da institución. Fiz Fernámdez doutor en Química pola Universidade de Santiago (USC), especialista en oceanografía química, en masas de auga, no ciclo do carbono mariño e na acidificación dos océanos, así como profesor de Investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), como académico numerario da Sección de Química e Xeoloxía da institución. Fiz Fernández pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado A diferencial oceánica, que foi contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Química e Xeoloxía, Antonio Ballester Álvarez-Pardiñas.

Fiz Fernández agradeceu ás académicas e académicos a súa xentileza ao propoñelo como membro da institución, feito que tal como confesou supón “unha honra e un reto para poder contribuír coas miñas capacidades, con ilusión e dedicación ás tarefas que me correspondan como académico dentro do meu eido de coñecemento”. Tamén neste día quixo facer público un agradecemento especial ao que fóra director da súa tese doutoral, o recentemente finado profesor Fernando Fraga, que lle ensinou a oceanografía e lle transmitiu a paixón, o tesón e o entusiasmo pola investigación. Mención especial fixo á falecida académica Aida Fernández Ríos polo seu traballo conxunto no reto de investigar a variabilidade do CO2 en campañas oceanográficas transoceánicas desde 1991.

O profesor Fernández mostrou na súa disertación como o cambio global oceánico acontece con variacións case imperceptibles nunha “enorme, vasta e case infinita masa de auga”, que están orixinando graves danos ambientais e perdas económicas e humanas. Pero antes das conclusións, Fiz Fernández relatou os seus inicios na investigación oceanográfica coa súa tese Fisicoquímica dos equilibrios iónicos na auga do mar e a súa aplicación en oceanoloxía de 1985. Así, no traballo de doutoramento comezou estudando o sistema do carbónico e a metodoloxía do pH no océano, tema recorrente na súa carreira científica, nun principio para avaliar á produtividade das rías galegas e máis tarde como factor de importancia global para coñecer os efectos do cambios climático no océano.

De xeito detallado, indicou os elementos básicos da oceanografía da contorna, un litoral galego caracterizado por augas que teñen unha elevada produtividade biolóxica que sustenta unha apreciada explotación pesqueira, marisqueira e unha importante acuicultura, unha alta produtividade conseguida grazas ao afloramento costeiro e á propia circulación das rías galegas. Segundo concretou, o contraste entre as augas frías das rías, ricas en nutrientes, e as cálidas do océano aberto, o papel do vento do norte, o aporte dos ríos, xunto á contribución do carbónico, son os factores que explican a riqueza do ecosistema das rías galegas.

Neste punto, a súa investigación avanzou cara a acidificación oceánica, efecto provocado polo aumento das emisións de dióxido de carbono á atmosfera procedentes de actividades humanas que reaccionan co carbonato cálcico causando que o océano se volva máis ácido. “O océano está axudando a mitigar o cambio climático pero a un custo moi alto, a súa acidificación” –destacou Fiz Fernández–. Continuou explicando que se trata dun síndrome oceánico que está orixinando “graves conse- cuencias” en augas frías, en xeral árticas ou antárticas, pero tamén en augas profundas do Atlántico, mentres que en rexións costeiras como as rías galegas o profesor sinala que ao ter augas máis quentes son “máis resilientes” aos efectos da acidificación a curto prazo.

Por outra banda, o responsable de pronunciar á contestación ao discurso de ingreso de Fiz Fernández foi o académico da Sección de Química e Xeoloxía da RAGC, Antonio Ballester Álvarez-Pardiñas quen destacou a excelencia investigadora do novo académico evidenciada cun índice H en Scopus de 45 ademais de ter publicado nas tres mellores revistas do mundo: Nature, Science e PNAS. Con estas pinceladas xerais do seu extenso e un brilante currículo, Ballester apostou por ler entre liñas e lembrar os seus inicios. Ballester sinalou que “Estamos ante un investigador que non escatimou esforzos nin riscos ao longo da súa traxectoria vital por moi difíciles que fosen”

Ao acto presencial asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, así como o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya; o profesor Gabriel Rosón, en representación da Universidade de Vigo (Uvigo); e o novo delegado Institucional do CSIC en Galicia, entre outros.

07 sep 2021 / 20:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.