“O pensamento crítico é un antídoto eficaz contra o pensamento único, a manipulación e a mentira”
{Raxó-Poio, 1963} O tamén decano da Facultade de Filosofía da USC realizou estudos de posgrao en París e Chicago con Paul Ricoeur e foi profesor visitante en varias universidades de Europa, América e o Xapón. É presidente da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía e do Foro de Pensamento Galicia Milenio, e vicepresidente da Academia Xacobea. Codirixe a revista ‘Critical Hermeneutics’.
Anatomía do pensar (Editorial Galaxia) é un título, profesor, cunha firme declaración de intencións?
Efectivamente. Parto da base de que a linguaxe permite non só transmitir as ideas filosóficas senón pensar. Adoita dicirse que pensamos con palabras, de aí que analizar o discurso filosófico sexa unha especie de estudio anatómico para saber como pensamos filosoficamente e que recursos empregamos para crear e dar a coñecer as nosas ideas. De todo isto dou conta no primeiro volume da obra, dedicada ao estudo do discurso filosófico e dos seus elementos constitutivos (autor, lector, recepción das obras, figuras da linguaxe que empregan os filósofos, lóxica do discurso, a cuestión do estilo, tipos de argumentación, a importancia do diálogo como unha forma de hospitalidade lingüística, etc.).
Recibiu o X Premio de Investigación en Humanidades Concepción Arenal 2016. Que é o que nos aporta?
Ademais de coñecer un pouco mellor como se constrúen as obras filosóficas, coido que unha das principais achegas foi a de amosar que se pode comprender mellor a historia da filosofía se coñecemos como leron e interpretaron os textos filosóficos os filósofos de todos os tempos, desde que xurde a filosofía ata o día de hoxe. Poñendo os anteollos cos que os pensadores interpretaron os textos filosóficos, acabei construíndo, sen pretendelo inicialmente, unha historia da filosofía alternativa. Isto é o que recolle o segundo volume desta obra.
Hai persoas que seguen a pensar que a filosofía redúcese a Sócrates, Platón, Tomás de Aquino, Descartes, Kant...? (o que estudei en COU, o meu antigo plan de estudos)
Pois non. O pensamento é a marca diferencial dos seres humanos, de xeito que todos pensamos para enfrontarnos aos desafíos que a vida nos presenta. Deliberamos, tomamos decisións, construímos unha escala de valores, analizamos mensaxes, damos un sentido á nosa vida. En fin, a filosofía é unha parte esencial do noso ser e, por iso, todos temos unha particular filosofía. Outra cousa é que grandes homes e mulleres de todos os tempos dedicasen a pensar e tiveran a xenerosidade de transmitir o froito do seu pensar a través de libros e outros xéneros. Poder ler o que pensaron é un regalo que amplía extraordinariamente a nosa experiencia do mundo. Renunciar a ler aos grandes autores da filosofía de todos os tempos é comezar de cero na tarefa de pensar a realidade e os problemas que nos afectan.
Como podemos comprender a historia da filosofía?
A historia da filosofía é a crónica de como o ser humano se enfrontou aos desafíos de cada época e resolveu os problemas fundamentais da súa existencia. Problemas que, en moitos casos son universais e intemporais. Kant resumiunos en catro preguntas: que podo saber?, que debo facer?, que me cabe esperar?, que é o home?
O filósofo, profesor Agís, sempre encontra unha resposta para todo?
Non. Moitas veces encontra máis preguntas que respostas porque son moitas as incógnitas no eido do saber. Compartir as nosas dúbidas e os nosos interrogantes é unha parte fundamental da actividade filosófica. Pensar é unha actividade que non incumbe a todos, aínda que algúns homes e mulleres se teñan especializado na creación e difusión das súas ideas filosóficas.
Existe un modo de pensar diferente e creativo nun mundo dominado polo inglés? É dicir, hai unha filosofía en castelán? E en galego? (aquí en Galicia penso en D. Carlos Baliñas).
As linguas son ferramentas imprescindibles para a comunicación e a transmisión das ideas. Tamén, como antes dixen, para pensar empregando os conceptos, metáforas e palabras que cada lingua ofrece. Por iso, nós somos afortunados en Galicia ao manexar con naturalidade dúas linguas: o castelán, que nos abre ao mundo da cultura hispana, con case 600 millóns de falantes; e o galego, a nosa lingua nai, que nos permite incorporarnos sen dificultade á cultura lusófona. Mostrei en dous libros, un dedicado á historia do pensamento galego (Crónica vida do pensamento galego), reeditado no ano 2020, e outro ás achegas contemporáneas, que temos un pensamento filosófico escrito en galego. Unha tradición na que destaca Carlos Baliñas Fernández, tanto como introdutor dos estudios de Filosofía na USC como pola súa obra. En canto ao inglés, é un latín moderno que facilita a comunicación internacional e, nun mundo global, é moi útil. Aínda que, honestamente, coido que todos os cidadáns europeos deberiamos coñecer outras linguas deste mosaico lingüístico que é Europa.
En tempos de pandemia, a filosofía pode ser útil?
Naturalmente. Primeiro, para sermos conscientes da nosa vulnerabilidade. Segundo, para saber que o coñecemento é unha tarefa permanente que cada xeración ten a responsabilidade de ampliar. E, terceiro, e non menos importante, para introducir racionalidade e sentido ás nosas vidas, sobre todo en momentos de crise, onde semella que o noso mundo tradicional se vén abaixo. As crises son oportunidades para mellorar o mundo. Tamén desta terrible pandemia aprendemos moitas cousas, algunhas que chegaron para quedarse e van mellorar a nosa vida (teletraballo, reunións telemáticas, docencia on line, respecto ás persoas maiores e vulnerables, importancia dos servizos públicos...).
Aínda hai quen cre que o pensamento crítico consiste en razoar de xeito negativo. Como aclararía esta cuestión, profesor?
Vivimos nun tempo no que a información chega por múltiples canles: medios de comunicación de masas, redes sociais, internet, e un longo etcétera. Temos mesmo exceso de información e moita dela é interesada ou directamente falsa. Ter capacidade crítica para distinguir a fiabilidade das mensaxes que recibimos é importantísimo para defender a nosa liberdade de decisión e de acción. Disto trata tamén Anatomía do pensar. Por iso, o pensamento crítico é un antídoto eficaz contra o pensamento único, a manipulación e a mentira. Unha sociedade democrática debe promover o cultivo do pensamento crítico a través da educación e da cultura para garantir a súa calidade como sociedade.
“Este primeiro volume de ‘Anatomía do pensar’ dedícase ao estudo do discurso filosófico. O autor realiza unha peculiar disección dos elementos constitutivos do discurso. Busca a abstracción, pero non é quen de liberarse da metáfora. Aspira á universalidade, pero está unido á singularidade do seu autor. Un discurso que, para ser estudado, esixe a elaboración doutro discurso, un filosofar sobre o filosofar. O filósofo non pode separar o seu discurso da realidade, tampouco de si mesmo, porqueo ser humano non se limita a vivir e a pensar senón que, ademais, escribe a súa vida e pensamento. E escríbeo a través da máis fermosa utopía: o discurso filosófico”.
“Calquera estudoso da filosofía que quixese acometer unha hipotética ‘Anatomía do pensar’ non se sentiría satisfeito unicamente co estudo dos elementos discursivos que utilizamos como base do pensamento, tarefa que emprende o autor no primeiro volume desta obra. É imprescindible coñecer tamén como se entreteceron ao longo da historia a recepción e a interpretación das ideas filosóficas que viaxaron no interior das obras escritas. No proceso de lectura e interpretación volven á vida as ideas e conceptos aos que a escritura lles regalou o don da eternidade. O autor reconstrúe neste libro a historia das interpretacións filosóficas, creando, se cadra involuntariamente, unha historia alternativa da filosofía”.