Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O pintor Laxeiro volve á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid

Presentada na institución na que se formou como artista unha mostra que percorrerá Lalín, a capital do Estado, Santiago e París

A Real Academia de Bellas Artes de San Fernando acolle desde este luns a exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), que se exhibirá en París, Madrid, Santiago e Lalín.

Unha mostra inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na institución académica, nun acto xunto coa conselleira de Cultura, Turismo e Deporte da Comunidade de Madrid, Marta Rivera de la Cruz.

O Goberno galego, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e en colaboración co Concello de Lalín, organiza esta exposición no marco do Ano Laxeiro, despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicar o Día das Artes deste 2022 ao pintor galego máis relevante do século XX.

A proposta conta con apoio da Xunta e da Real Academia de Bellas Artes de Madrid, na que se formou o pintor, o Cervantes ou a Embaixada de España en Francia.

O conselleiro agradeceu “a acollida nunha das institucións artísticas con máis historia de España, especialmente significativa na formación e evolución de Laxeiro”.

Engadiu que a retrospectiva procura divulgar o seu legado fóra, pois en Galicia xa é considerado o gran pintor do século pasado e goza do afecto e recoñecemento.

“Imos traballar para que esta exposición axude a situar a obra de Laxeiro no lugar que lle corresponde na historia da pintura española do século XX e agradecemos a implicación de todas as institucións que comparten con nós este obxectivo”, subliñou.

No acto participaron tamén o académico delegado do Museo da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Víctor Nieto; o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; o pintor Antón Lamazares, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o conselleiro de Cultura da Embaixada de España en París, Roberto Varela, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Antón Lamazares realiza a peza conmemorativa da exposición, “unha obra que representa a alegría e celebración polo Ano Laxeiro, a figura máxima da pintura e a alma da nosa terra”.

A estrea da mostra terá lugar no Museo Ramón María Aller de Lalín, onde permanecerá do 6 de abril ao 5 de xuño. A seguinte estadía será na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando do 22 de xuño ao 24 de xullo. O Museo Centro Gaiás acollerá a mostra do 29 de setembro ao 18 de decembro. Rematará, xa no 2023, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro e grazas ao apoio da Embaixada de España en París, no Instituto Cervantes da capital francesa.

A exposición reúne 40 pezas de coleccionistas privados e diversas institucións. As obras seleccionadas céntranse nas dúas décadas (1950-1970) nas que Laxeiro se instalou en Buenos Aires, “considerada a súa etapa de madurez cunha notable evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina”, explicou Carlos L. Bernárdez.

Algunhas das obras da época son Foi un home (1963), O espanto (1962), Xefe Azteca (1964), Retrato (1960-1970) ou O mundo (1964).

A restrospectiva complétase con pinturas de autores como Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde, Luis Seoane ou Julia Minguillón, recreando simbólicamente a exposición de Buenos Aires de 1951 que motivou a marcha de Laxeiro a América.

Así, exhíbense as obras Ruínas da guerra (1949) de Luis Seoane (a modo de representación como organizador desa exposición, aínda que el non participou con ningunha pintura) ou La Tyla y yo (1943) de Julia Minguillón.

A figura de José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996), enmárcase na vangarda histórica galega cando o grupo de Os Renovadores, iniciou un proxecto de actualización estética. “En 1931 recibiu un bolsa de 3.000 pesetas por parte do Concello de Lalín para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, mostra do valor que lle concedía xa por aquel entón a súa terra ao seu fillo predilecto”, subliñou o alcalde lalinense, Xosé Crespo.

28 mar 2022 / 16:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.