Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O pleno da RAG do Día das Letras Galegas terá lugar na Aira dos Bolos de Córgomo

A sesión extraordinaria sobre o homenaxeado deste ano estará aberta ao público e poderá seguirse en directo dende academia.gal

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro martes, 17 de maio, a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a vila natal de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987).

O acto desenvolverase na Aira dos Bolos, un lugar cargado de simbolismo na vida e na obra do autor homenaxeado nesta edición, e consistirá en tres alocucións sobre o poeta a cargo da académica Rosario Álvarez Blanco e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero.

Pechará o pleno o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. As intervencións poderán seguirse en directo dende academia.gal.

A celebración será unha festa aberta a toda a veciñanza nun espazo onde se adoitaba xogar aos birlos, unha tradición que Delgado Gurriarán inmortalizou nas páxinas de Galicia infinda (1963), nos versos “Os bolos ralban louxados, / a bola ralba penedos... / É que xogan, mau a mau, / o Severino i o Ferros”, pertencentes ao poema titulado “Córgomo de Valdeorras”, que dedicou, xa dende o exilio en México, aos seus veciños.

A Aira dos Bolos ten ademais como pano de fondo a actual Casa do Pobo, no seu día a tenda da aldea, rexentada polo seu tío Manuel.

O historiador Ramón Villares trazará un percorrido pola biografía de Florencio Delgado Gurriarán, cuxa figura encarna o activismo cultural desenvolvido polos galeguistas que fuxiron a México, tendendo sempre ademais pontes co exilio interior.

Na súa persoa, a Real Academia Galega réndelle así homenaxe por primeira vez na gran festa das Letras Galegas á diáspora mexicana, da que formaron parte tamén no seu momento o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Isla Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o pintor Arturo Souto, entre outros.

Todos estes compañeiros foron nomeados polo propio Florencio Delgado Gurriarán no discurso que pronunciou ao ser recibido como académico correspondente da RAG, nun acto celebrado no Barco de Valdeorras en 1981.

Nesta intervención, recollida nunha edición especial dispoñible en academia.gal, o poeta lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México canda tantos outros que pensaban coma el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil española e tamén o labor que, xunto a outros paisanos, desenvolveu arredor do Padroado da Cultura Galega de México e de diversas iniciativas culturais como as revistas Saudade e Vieiros (1959-1968).

A fala de Valdeorras. Con Florencio Delgado Gurriarán, a Real Academia Galega tamén visibiliza a fala característica de Valdeorras nesta homenaxe.

Esta é o punto de partida do galego do autor, no que se deterá a directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, que afondará na contribución do homenaxeado á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno.

Da parte literaria do protagonista deste ano no Día das Letras Galegas ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico da institución en reivindicar a dedicación dun Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

A rede comercial de Vegalsa-Eroski implícase na celebración do 17 de maio
A compañía galega da a coñecer ao autor e obra do de Valdeorras nos seus supermercados

Santiago. A rede comercial da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski súmase un ano máis ao Día das Letras rendendo homenaxe ao autor desta edición, Florencio Delgado Gurriarán, a través das súas tendas das enseñas Eroski e Autoservicios Familia en Galicia.

Un total de 176 dos seus supermercados e hipermercados contarán nas súas instalacións con carteis conmemorativos para dar a coñecer a vida e obra deste poeta valdeorrés e para pór en valor o seu legado, deseñados polos alumnos de CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá de Ourense, e cunha tirada especial de 20.000 bolsas de papel e 1.400.000 de plástico.

Como arranque da conmemoración a compañía levou a cabo este martes no seu novo Hipermercado Eroski de A Sionlla, en Santiago, unha pegada simbólica de carteis na que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o director da liña de negocio Eroski e Eroski Center, Florentino Vázquez; a directora de Relacións Institucionais, RSE e Comunicación de compañía, Gabriela González, e o director de Márketing, Julián Hernández.

A aposta de Vegalsa-Eroski por potenciar os elementos propios da identidade galega reflíctese no seu cadro de persoal, conformado por 6.587 traballadores, 5.643 en Galicia, e na súa firme aposta polos provedores galegos. E nas súas tendas, incluíndo os rótulos en galego. ecg

A revista ‘Raigame’ aproxímase á súa figura no último número
A publicación inclúe unha unidade didáctica para os alumnos de ESO e de Bacharelato

Santiago. O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense vén de publicar o número 48 da revista Raigame, centrada na vida e obra do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), figura homenaxeada nas Letras Galegas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, resalta a calidade e importancia de Raigame, unha publicación que neste número afonda na vida de “quen ten que ter todo o protagonismo da nosa cultura neste ano”. Destacou tamén a traxectoria do poeta de Córgomo, “que escribiu na nosa terra, que participou no Partido Galeguista e que no exilio, en México, fundou revistas como Vieiros ou Saudade sendo, en definitiva, un home xigante da nosa cultura”.

Baltar estivo acompañado na presentación do número 48 da publicación polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar e o membro do Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo e secretario de Raigame, Xavier Álvarez.

O número está coordinado por Ricardo Gurriarán e Gustavo Docampo, e nel participan profesores, escritores, ilustradores e deseñadores coma Emilio Vega, Delfín Caseiro, Antón Dobao, Julio Pérez, Lito Caraméns, Anxo Baranga, Eva Piay e Celia Rey.

Se reeditan artigos de Ricardo Gurriarán e Miro Villar, publicados cando se comezara a reivindicar a figura de Florencio Delgado para o Día das Letras Galegas.

A revista inclúe unha unidade didáctica rdos profesores Séchu Sende e Patricia Calviño, para estudantes de Bacharelato e a ESO. ecg

10 may 2022 / 17:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.