Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 27 enero 2022
19:47
h

O produto galego en Xantar ábrese á Lei de calidade alimentaria

A cita, clausurada este domingo en Ourense, acolleu a promoción de selos do agro e do mar

A 22ª edición de Xantar, o Salón internacional de turismo gastronómico que se celebrou en Ourense para facer promoción dos produtos de calidade do agro e do mar da nosa comunidade, pechou este con novidades para o sector. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, claursuraron esta edición. Alí, José González avanzou que a nova Lei de calidade alimentaria de Galicia entrará no Parlamento o ano que vén como proxecto de lei, para rexer os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada producidos e comercializados no noso territorio, co obxectivo de posicionar a nosa comunidade como referente nos distintos mercados.

Poñendo de relevo que Galicia é a autonomía que máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas posúe, acadando as 36, o titular de Medio Rural referiuse a selos novos como a marca Leite de pastoreo de Galicia, que se está a promover no seo da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Unha Estratexia que se está a aplicar apostando polos cursos de xestión empresarial para gandeiros, pola aplicación web gratuíta Conta Láctea para promover unha contabilidade rigorosa nas explotacións, coa promoción inxente de Galega 100% ou coa posta en funcionamento do Observatorio do sector lácteo de Galicia, entre outras accións.

Nesa liña, José González tamén se referiu á Estratexia do viño xa rematada e á da carne en elaboración, que incidirán -así mesmo- en eidos como a produción, a industria, a cadea de valor ou a formación e innovación para consolidar estes sectores primordiais do agro galego.

Facendo fincapé na gran marca paraugas Galicia Calidade, o conselleiro avogou por promocionar os nosos produtos agroalimentarios apostando pola transformación, pola comercialización, pola xeración de valor engadido ou pola dixitalización. Destacando as bondades de Xantar para poñer de relevo o alto estándar de calidade no que se moven os produtores e empresas alimentarias do país, convidou -ademais- aos asistentes a acudir ao pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón, do 16 ao 18 de decembro para posicionar a Galicia rural da calidade alimentaria a nivel nacional e internacional.

Ademais, José González aproveitou a súa presenza nesta 22ª edición para facer un percorrido polos distintos postos presentes na feira baixo o paraugas da Consellería do Medio Rural, coñecendo así de primeira man aos participantes e interesándose pola variada oferta de produtos.

Cómpre apuntar que a Consellería do Medio Rural contou cun espazo institucional propio en Xantar, dando cobertura a 14 empresas agroalimentarias galegas e organizou outros tantos obradoiros e degustacións a base de produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP). É o caso do mel, as carnes (por primeira vez houbo unha degustación de vaca galega/boi galego), as augardentes, os produtos ecolóxicos, o pan, as patacas, os grelos, os queixos ou as castañas.

Aproveitando esta última xornada, cabe engadir que estivo presente no Salón a chamada “gastroneta”, iniciativa da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade. Trátase dunha furgoneta acondicionada para promocionar e degustar os produtos que conta coa axuda de prescritores que explican e dan información deles.

A Consellería do Mar, mentres, difundiu a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña Galicia Sabe Amar e tamén organizou unha decena de degustacións e obradoiros cos produtos do mar como protagonistas.

07 nov 2021 / 20:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.