Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“O que se necesita para facer poesía é ter curiosidade”

A escritora Arancha Nogueira lanzou a segunda edición do seu poemario “#Hashtags para un espazo/confinamento agónico”, un libro que para ela está sempre en constante construción

Arancha Nogueira, é licenciada en Xornalismo e escritora ourensá, aínda que leva asentada en Santiago de Compostela varios anos. Durante a súa traxectoria gañou unha decena de premios de poesía, o máis recente o XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu en 2019 por O silencio das gaivotas. Agora vén de sacar a segunda edición do seu último poemario #Hashtags para un espazo/confinamento agónico.

Cando comezaches a escribir poesía?

Levo escribindo dende que teño uso de razón pero poesía como xénero dende a adolescencia. É certo que sempre tiven unha relación moi próxima con escribir pero creo que cando empecei a ter unha proxección máis grande foi dende 2013 cando gañei o premio Francisco Añón do Concello de Outes e a partir de aí empecei a escribir dun xeito máis continuo.

Que podemos atopar no teu novo poemario?

Este poemario que é #Hashtags para un espazo/confinamento agónico en principio era só un poemario titulado #Hashtags para un espazo agónico publiqueino coa Editorial Positivas a finais de 2019, pero como pasou o confinamento e a pandemia a obra non puido ser presentada. Iamos presentalo aquí en Compostela a mesma semana que se anunciou o estado de alarma. Entón o que fixen ao longo do confinamento foi escribir poemas que engadín a esta primeira edición para facer a segunda que sae agora. Digamos que os #Hashtags para un espazo/confinamento agónico en principio intentan falar de como a través das redes sociais moitas veces tentamos agochar mediante un hashtag ou unha etiqueta cuestións moito máis complicadas que unha soa palabra e tamén como nos relacionamos coa identidade pública que damos. De todas maneiras pareceume incluso bonito, aínda que no seu momento foi un pouco complicado, o feito de que non se puidese presentar o poemario e despois lle engadise novos versos, porque me gusta pensar que é un libro que está en constante construción.

Como viviches ti a situación da pandemia e o confinamento?

Estaba en Santiago e quedeime aquí onde vivo, soa co meu gato. Realmente foi unha situación agónica, nunca mellor dito, sobre todo cando non se sabía cando iamos saír disto, aínda que seguimos sen saír. E como unha constante incertidume, sobre todo para as persoas que estivemos soas, aí podemos ver a dicotomía das redes sociais, por unha parte teñen a parte de agochar as nosas identidades, as nosas penas e o que realmente somos, pero tamén grazas a iso puidemos estar en contacto con outra xente. Entón digamos que dalgunha maneira serviume para reflexionar ao respecto das cousas boas e malas que pode ter que isto aconteza no século XXI e non noutro momento. Pero é certo que si que o vivín con moita soidade e moitísimas ganas de saír.

Que é o que che inspira para escribir?

Por agora inspíranme moito as cousas que están ao meu redor, non me gusta escribir poesía sobre grandes entelequias nin cousas abstractas, gústame bastante analizar e sacar algo das cousas que aparentemente son cotiás. Creo que tamén me fixo bastante na forma de vida que temos as persoas da miña xeración, as millennials, porque creo que tamén é necesario que se fagan recursos sobre a nosa vida de como esta sendo a nosa situación que está sendo diferente á de xeracións anteriores.

Que se necesita para facer poesía? E algo que pode facer todo o mundo?

Creo que absolutamente todo o mundo pode facer poesía. Hai unha idea da poesía ás veces como algo moi elitista, de difícil acceso tanto para lelo como para escribilo e eu estou en desacordo con iso. Creo que o que se necesita para escribir poesía é basicamente, ademais de ganas e vontade, ter curiosidade, ter unha ollada observadora ao respecto das cousas e tentar buscar nelas algo máis do que vemos nunha primeira ollada. Da mesma forma tampouco é necesario ser un virtuoso para ler poesía, penso que é un xénero minoritario pero que cada vez se está lendo máis, sobre todo entre a xente nova, precisamente porque cada vez somos máis os que estamos escribindo unha poesía que eu creo que é accesible a todo mundo.

Tamén vin que estás moi implicada no movemento feminista

Si, ademais de participar no movemento feminista de base, formo parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, onde nos dedicamos a facer críticas tanto de libros como doutras artes dende un punto de vista de xénero. Ademais, todos os anos facemos unha homenaxe a unha escritora galega para dar visibilidade sobre todo en contraposición co Día das Letras Galegas, que aínda que este ano se lle dedica a Xela Arias, habitualmente dedícase a homes. Así que o que buscamos é tentar espallar un pouco as figuras das mulleres galegas que escribimos.

Videopoema de promoción de #Hashtags para un espazo/confinamento agónico.

Voz e Texto: Arancha Nogueira

Realización: Emilio Carral

20 ene 2021 / 16:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.