Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O sector termal reforza a imaxe de Galicia como un destino seguro e sostible

Baltar destaca o termalismo como “o gran eixo transformador e dinamizador da provincia con maior potencial de toda Europa”

A capacidade do termalismo para diversificar e desestacionalizar a oferta turística, así como para fomentar o turismo interno e xerar riqueza nos concellos onde se asentan os establecementos termais, son algunhas das cualidades polas que o Goberno galego decidiu apostar por este sector, tal e como subliñou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na inauguración do II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde en Ourense.

Un encontro que congregará ata este venres a medio cento de expertos en termalismo de dez países, e que situará a Ourense como capital do termalismo a nivel internacional no marco de Termatalia, nunha edición especial pola pandemia.

Rueda incidiu en que o sector encaixa na aposta do Goberno galego por un modelo de turismo baseado na seguridade, a calidade e a sostibilidade, tal e como se recolle no Plan Galicia Destino Seguro 2021-2023, no que a Xunta traballa da man do Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas.

Presentar unha oferta adaptada ás necesidades do novo usuario termal é precisamente o obxectivo do Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Termal, no que o Goberno autonómico inviste 1,3 millóns de euros e permitirá inxectar máis de 3 millóns para contribuír á dinamización económica das zonas con recursos termais.

O vicepresidente lembrou que Galicia é líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiromedicinal, ademais da comunidade con maior número de distintivos de calidade nos establecementos termais, e engadiu que dos 21 balnearios galegos, case o 70 % son de catro ou cinco estrelas.

O presidente da Deputación de Ourense e da Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal, Manuel Baltar, destacou pola súa parte a relevancia do termalismo “como o gran eixo transformador e dinamizador do territorio, especialmente nunha provincia como a nosa que ten o maior potencial termal de Europa”.

Na inauguración de Termatalia 2021, en Expourense, afirmou estar satisfeito por comprobar “o protagonismo que de novo ten Ourense nun evento internacional destas características, ganado a pulso desde hai anos”.

Tras saudar “os meus compañeiros da Asociación Europea de Cidades Termais, que reúne a 51 sitios con augas mineiromedicinais de 18 nacións europeas, a maior organización pública termal que existe no mundo”, subliñou que o novo período de pospandemia que se está a abrir “é unha grandísima oportunidade para dar impulso a este ámbito, que de seguro en 2022 volverá a ter o máis importante punto de referencia neste recinto cunha gran edición de Termatalia”.

Neste contexto, afirmou que chegou o momento de abrir unha fiestra ao optimismo con “noticias de reactivación”, citando o traballo que está a realizar a deputación para converter o pazo provincial nun gran hotel balneario de referencia en Europa ou o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Ourense Termal, que en colaboración coa Xunta e co Estado inclúe, entre outras accións, a posta en marcha do Observatorio Mundial do Termalismo, con sede en Ourense.

Anunciou a aprobación, o próximo luns en Xunta de Goberno, do Programa de Termalismo Social 2021, no que participarán ata final de ano os sete balnearios adheridos, programa que para 2022 verá a luz en outubro “co fin de que estea plenamente operativo para os primeiros meses do vindeiro ano”.

Termatalia 2021 abriu este mércores as súas portas con medio milleiro de inscritos de 29 países.

15 sep 2021 / 17:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.