Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Roberto Vilar. Humorista e presentador

“O único que podo facer é agradecer o cariño da xente despois de tantos anos”

En Quen anda aí, Roberto, temos cada día tres horas de directo, de conversas coa audiencia e de resposta ás cuestións que máis lles preocupan aos espectadores, e todo feito con moito mimo e sen perder o humor: Como o logrades?

Pois nós intentamos contarlle á xente cousas que ao mellor xa sabe ou algo máis, pero doutra maneira... e non sei se mantendo o humor, pero si o optimismo, porque xa levamos un ano de programa e de pandemia e cando ensinan os datos, sexan os que sexan, nós temos que ser optimistas en defensa propia porque non queda máis remedio. E para iso xoga un papel moi importante o humor.

Ademais, o que facedes sobre todo é escoitar. A xente é a protagonista. Recibides moitas solicitudes de persoas que queren contar a súa historia?

Esa é unha das funcións clave do programa independentemente do que teñamos preparado cada día. O Quen anda aí é un sitio para calquera cousa que precise contar ou preguntar a xente que se poñe en contacto connosco. É como un consultorio ao que poden chamar. Pensa que hai case 200.000 maiores que viven sós en Galicia, e así teñen unha maneira de estar un pouco acompañados.

Ti e máis o teu equipo facedes posible que os galegos queiran estar enterados da realidade, pero sen crispación, sen aburrimento. Así dá gusto! Porque non é doado!

Non o é, porque a crispación si que pode aparecer, sobre todo a estas alturas da película do coronavirus, da que xa estamos todos moi cansos. E sabemos que canto máis cansos estamos, máis fácil é que nos enfrontemos. Nós intentamos levalo con calma e con pausa. Desa maneira creo que a xente vaino consumir mellor.

A verdade é que ten un tono tranquilo, é un programa de tarde, porque xa levamos todos toda a mañá e o mediodía informándonos de datos de que pasa coa pandemia, e chegamos á tarde un pouco saturados desa velocidade. E precisamos un pouco máis de calma.

Está claro que este programa informa, forma e entretén. É o espazo televisivo perfecto, é o que necesitamos?

Pode ser porque agora o que máis precisamos é estar entretidos, porque se non, te poñes a pensar e o que che vén a cabeza é... buf, moi complexo. Buscamos ter aos espectadores entretidos para non pensar demasiado no que ocorre, porque iso neste momento non é positivo, e así, un día sen darnos de conta, estaremos fóra desta pandemia.

A pandemia impulsa a tele de pago e o streaming. Pero en Galicia, parece que as persoas son moi fieis á Televisión de Galicia e, sobre todo, aos seus presentadores. Ti, Roberto, es moi querido porque, ademais, fas rir nos peores momentos...

Bueno... eu son moi afortunado, teño moita sorte por levar tantos anos na TVG, con moito cariño por parte da xente. Levántome todos os días dando grazas cada vez que empeza un programa, sexa Quen anda aí ou Land Rober e digo: ‘Roberto, desfruta disto, porque haberá un día en que non o teñas’. Tocoume a lotería, basicamente, hai moitos anos. O único que podo facer é agradecer o cariño da xente despois de tantos anos, porque mira, Land Rober hai doce anos que empezou, e emociona.

É duro compaxinar o Quen anda aí co Land Rober?

Pois mira. Debería selo, pero agora mesmo, tal como está todo coa pandemia e os confinamentos, as restricións de mobilidade, estou moi feliz, é o mellor que me pode pasar. Teño o día ocupado, estou entretido case todo o tempo, acabo a unha hora que me permite estar coa miña familia, coa miña filla á volta do colexio.

Para min é un privilexio tan grande, é una sorte tan grande, que nin sequera penso se é fácil ou difícil. Difícil tíñao meu pai, que traballaba no Gran Sol vinte horas cada día con ondas de doce metros.

Eu simplemente intento desfrutalo.

Como é un día de traballo teu, Roberto?

Agora, con dous programas, está todo completamente minutado, algo que non me pasara na miña vida.

Levántome ás oito e media da mañá, fago exercicio unha hora, ou hora e media, almorzo ás dez da mañá, vou traballar a Land Rober, acabo ás 14.30 horas, como, saio para o plató de Quen anda aí en Ordes, chego ás tres, fago o programa e volvo a casa ás sete da tarde e xa estou coa familia, coa filla na casa. E me acosto ás nove e media da noite todos os días.

Gustaríame saber como es fóra das cámaras. Imaxino que ás veces alguén terá que facerche rir, porque haberá días malos. A túa filla, quizais?

Si. É un pouco como che dicía antes... estou tan entretido que boto menos tempo a solas comigo mesmo. Porque eu comigo mesmo xa estou un poco aburrido de estar. Coñezome demasiado e preocuparme de min non me aporta nada.

Entón no traballo fago cousas que me gustan con equipos marabillosos e, bueno, teño unha familia marabillosa e teño a guía que me ilumina, que é a pequena María, que fai que todo, todo, todo teña sentido. Entón, por moitas dificultades que haxa, cando a ves subir ao bus do colexio e comprobas que está sana, pois todo está ben.

Transmites algo moi importante: dás valor ao que verdadeiramente o ten.

É que eu co Quen anda aí aprendo moito porque vén xente moi preparada, que sabe moito, que comunica moi ben. Ademais, falamos con moitos maiores, e apréndese moitísimo deles.

E logo unha das grandes intervencións das que máis aprendín é cando estivo a actriz Benedicta Sánchez, que lle deron un premio Goya, quen dixo aquelo de: “O máis importante da vida é vivila”. Non hai que programala, non hai que analizala. E agora estou niso, vouna vivindo. O que hai que facer é camiñar cos ollos abertos.

Deseño: C. Botana//Fotos: cedidas

Pinceladas
da súa traxectoria

Comezou como cámara e axudante de realización de programas de televisión na cadea autonómica galega, pero non tardou en pasar ao outro lado da cámara. Os seus primeiros traballos en televisión foron nos programas Supermartes e Con Perdón e na serie Pequeno Hotel, na que interpretaba a un peculiar recepcionista. Anteriormente tamén tivo realizado cortos, algúns deles con Boris Izaguirre de director.

O seu éxito chega ao interpretar na parella humorística Os Tonechos o papel de Tonecho (personaxe dun pai “desastre, folgazán e despreocupado” ) xunto ao tamén cómico Víctor Fábregas no papel de Tucho. Desde o ano 2000 ata o 2006 realizan numerosas actuacións no programa Luar, onde acadan un éxito rotundo. Atrévense así posteriormente co reto de ter o seu propio show, no prime time: O show dos Tonechos.

No 2009, e despois dun ano de desaparecer da televisión, comeza un novo programa de humor que presenta, dirixe e produce chamado Land Rober xunto a outros colaboradores. Neste programa tratan o humor desde a coñecida retranca galega, ao mesmo tempo tamén se realizan entrevistas a personaxes famosos e actuacións musicais en directo.

Tamén deu o salto a televisión nacional co concurso Salta a la vista.

Foi productor, director, guionista e actor da súa primeira xira de teatros, o show A cabeza non para, de 90 minutos de duración con sketches, música e monólogo. Con este proxecto percorreu os principais teatros galegos.

Desde o ano pasado presenta Quen anda aí con Rodrigo Vázquez, un magazine que é unha porta aberta para calquera persoa que teña algo que contar e compartir.

02 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.