Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O xardín lírico de García Lorca e García Teijeiro

Edicións Xerais de Galicia trae ás nosas librarías e achega ás nosas bibliotecas o poemario No xardín do poeta, escrito por Antonio García Teijeiro, un dos autores máis representativos da nosa Literatura Infantil e Xuvenil actual. A obra, na que o autor rende homenaxe a Federico García Lorca, conta coas fermosas ilustracións que evocan o fantástico do xénero poético da man de Víctor Rivas. Destinado a lectorado a partir dos once anos, o volume insírese na colección Merlín.

Segundo indica o propio García Teijeiro, este libro de poesía está dedicado á memoria de García Lorca e a todo aquel profesorado que leva a poesía ás súas aulas. Así pois, constrúe un poemario vital, recreando un encantador xardín no que dialoga cos versos do escritor granadino compoñendo unhas conmovedoras creacións. Se ben a meirande parte dos poemas son diálogos coas verbas de García Lorca, hai composicións nas que converxen versos de ambos autores. Tamén se presentan algúns textos nos que se basea na obra do autor, caso de “E a partir dunha suite lorquiana”, onde se evocan as coñecidas Suites do poeta. No poema Co poeta en Nova York, fai alusión ao seu libro cume, Poeta en Nova York (Galaxia, 2020), que podemos atopar traducido ao galego en recente publicación vertida por Suso Díaz.

O autor galego préstalle gran atención á devoción que Lorca sentía pola nosa terra, como se pode apreciar en diversas alusións como as badaladas da Berenguela que segundo García Teijeiro o gaditano “garda no peto”. Non podería faltar algunha referencia aos Seis poemas galegos que García Lorca publicou en 1935 na compostelá Editorial Nós. Deste xeito, partindo dos versos de Madrigal cibdá de Santiago, Romaxe de Nosa Señora da Barca, Cantiga do neno da tenda, Noiturno do adoescente morto, Canzón de Cuna pra Rosalía de Castro, Morta e Danza da lúa en Santiago, o poeta desenvolve seis copras dedicadas a cada unha destas seis composicións.

Dos versos de García Lorca e García Teixeiro agroma un vivaz xardín cheo de flores perfumadas que cantan, repleto de nenos xogando, de aves, de mananciais que brotan nos amenceres e tamén nas noites nas que a lúa da cor do marfil ilumina todo o ceo. Unha esplendorosa oportunidade para que mestres e mestras presenten a unha das figuras esenciais da poesía española e acheguen o alumnado ao xénero lírico para entender, aprender, gozar e experimentar coas súas incontables posibilidades creativas.

inesmosquerac@gmail.com

30 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.