Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O xornalista Fernando Ónega estará no programa ‘Land Rober’

O alcalde de Pazos ten unha medida que anunciar en ‘As mañás de Marilú’, e, ademais, volve o xogo dos parecidos

O recoñecido xornalista galego Fernando Ónega vén pintar a mona este xoves ao Land Rober Tunai Show, que tamén recibirá a visita de Rocío Durán, presentadora do programa da TVG Hora Galega.

En As mañás de Marilú, o alcalde de Pazos ten unha medida que anunciar. ¿Con que sorprenderá desta vez? Ademais, esta semana volve o xogo dos parecidos. ¿A que famosos se parece o público do programa? Todo isto e moito máis, hoxe, a partir das 22:00 h, con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo.

A REVISTA. O programa A Revista falará este xoves de acoso escolar e para iso achegarase en directo ao CEIP Cidade Vella da Coruña, un dos colexios participantes no proxecto educativo Somos Únic@s, que a Fundación Cola Cao desenvolveu xunto a NACE (Fundación de Non ao Acoso Escolar). Sobre este problema, o máis grave que se pode dar nos centros escolares, falará tamén a directora das Liñas de Axuda da Fundación Anar, Diana Díaz.

Outro tema que hoxe abordará o espazo da TVG é a organización de vodas. Despois dun longo período de celebracións pospostas pola pandemia, as parellas acapararon durante este 2022 os restaurantes, pazos e salóns para festexar a súa unión. Pero os enlaces tradicionais, cunha gran mesa presidencial e múltiples pratos, están a quedar no esquecemento, como explicará Marta López-Rivadulla, responsable da organización de eventos El Sofá Amarillo. Sobre este asunto tamén debaterán a xornalista Inma Morandeira e a parella formada por Miguel Santamaría e Iria Mouriño, que organizaron unha celebración nupcial de tres días coa particularidade de que todos os menús foron vexetarianos.

Ademais, a presentadora de A Revista, Loly Gómez, falará co cantante e compositor Antonio Orozco, un dos artistas máis laureados e queridos da música española, que, con Aviónica Tour, unha das xiras máis aclamadas do ano, aterrará por vez primeira no Coliseum da Coruña o vindeiro 19 de novembro. Neste concerto presentará os temas de Aviónica, o seu agardado regreso discográfico, gañador de nove discos de platino e un de ouro.

Por outro lado, o programa contará coa súa habitual mesa de sucesos, coa participación nesta ocasión da xornalista Patricia Abet e do avogado Evaristo Nogueira.

ZIGZAG. A presentadora de Zigzag, Pilar G. Rego, conversará hoxe no estudio coa escritora e cineasta Carmen PG Granxeiro, cuxa novela Estranxeiras conseguiu o II Premio Literario Pinto e Maragota pola diversidade de xénero. Nela constrúe un relato de esperanza en que a realidade queer, as transicións e a historia colectiva conviven nun podcast, en múltiples vidas e nalgunhas mortes.

Por outro lado, o programa avanzará o que dará de si a 32ª edición do Festival de Jazz de Lugo, que se desenvolverá do 4 ao 20 de novembro. Os amantes da boa música, e deste xénero en particular, poderán gozar de grandes actuacións a cargo de formacións de jazz de primeiro nivel. Así, entre os artistas que integran a programación, destacan Kurt Elling, Billy Cobham, Immanuel Wilkins, Cyrille Aimée, Ignacio Terraza e Chano Domínguez, entre outros.

Os espectadores tamén coñecerán as propostas do Festival MUSGO, que regresa a Ourense os días 4 e 5 de novembro cunha selección musical de vangarda e xa consolidado como unha das citas culturais imprescindibles do outono ourensán.

03 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.