Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ofelia Rey Castelao gaña o Premio Nacional de Historia de España

A catedrática obtén o galardón coa obra ‘El vuelo corto: mujeres y migraciones en la Edad Moderna’, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC

A catedrática da USC Ofelia Rey Castelao acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Historia de España, correspondente ao ano 2022, pola súa obra El vuelo corto: mujeres y migraciones en la Edad Moderna, editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

“Sinto unha satisfacción enorme”, asegurou a profesora Castelao ao coñecer a nova da concesión. “Este é un libro moi especial para min”, afirmou en referencia a como a temática da migración ten unha raíz “fonda en Galicia”, así como “na historia da miña propia familia”. Ademais, a profesora da USC quixo subliñar “o labor enorme e importantísimo” do Servizo de Publicacións da institución compostelá xa que, tal e como manifestou, “sempre fun unha firme defensora de que a ciencia ten que darse a coñecer a través dos servizos editoriais das propias universidades”.

O xurado premiou esta obra “por ser unha investigación rigorosa con diversidade de fontes históricas que ofrece unha visión integral das migracións das mulleres na Idade Moderna: as intrapeninsulares, as transoceánicas, as de quen o fixeron como persoas libres, semilibres ou cautivas ou como exiliadas...”. Ademais, o xurado distinguiu este libro “por estudar as súas causas e transcendentais consecuencias demográficas, sociais, laborais, económicas, culturais e morais, á vez que ofrece o exame da outra cara do fenómeno, as consecuencias das migracións masculinas nas mulleres que quedaban. Pola súa destacable achega á historiografía española e polo seu enorme valor social, así como de análise dunha realidade complexa, a das migracións, de incontestable actualidade. A obra de Ofelia Rey é un exemplo de interdisciplinariedade e metodoloxía impecable, cun enfoque actualizado na perspectiva de xénero dos procesos migratorios na España da Idade Moderna”.

A obra. No contexto do interese historiográfico polos estudos do xénero, que xurdiu nos anos setenta do pasado século, o auxe da investigación sobre o papel das mulleres apenas tivo en conta a importancia de coñecer por que, como, dende onde e cara a onde se moveron as mulleres ata o século XIX. A obra premiada propón un enfoque actualizado, revisando en profundidade a relación entre as mulleres, a mobilidade e as migracións en España, achegando información sobre o papel delas como migrantes, sobre as mulleres sedentarias e sobre as que se viron afectadas pola ausencia dos homes.

Para o director de Publicacións da USC, Juan Blanco, “este galardón supón, ante todo, un claro recoñecemento á traxectoria profesional de, probablemente, unha das mellores modernistas de Europa, que honrou reiteradamente ás prensas universitarias compostelás coa edición de varios títulos da súa autoría ou coordinación. Pero, sen dúbida, o premio é tamén un galardón que, en liñas xerais, prestixia a edición universitaria no seu conxunto no que supón niveis de valoración de calidade editorial, selección de orixinais, criterios de oportunidade, procesos de avaliación e alcance da investigación perfectamente homologables, cando non superiores, ás máis prestixiosas editoriais privadas. Tras anos de evolución continua cara á excelencia, recoñecementos desta categoría evidencian a definitiva madurez da edición universitaria española”.

Biografía.Ofelia Rey Castelao (Arnois, A Estrada, 1956) é catedrática de Historia Moderna na Facultade de Xeografía e Historia da USC dende 2002. Nesta Universidade licenciouse en 1978 e doutorouse en 1984, nos dous casos con Premio Extraordinario. En 1986 pasou a ser profesora titular. Dirixiu quince proxectos de diferentes niveis (accións integradas, proxectos autonómicos e estatais), e é coordinadora do grupo de investigación ‘Historia Moderna’ da USC. En 2011 concedéuselle o Premio María Josefa Wonenburger de Investigación, outorgado pola Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia.

05 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito