Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

ONGs constatan un descenso de mozos no voluntariado, maioritariamente integrado por mulleres

A pandemia fixo que persoas que non adoitaban facelo se achegasen a colaborar

A CORUÑA. EP. Galicia rexistrou nos últimos anos un lixeiro descenso do voluntariado, en especial en mozos, aínda que, segundo algunhas entidades, a colaboración repuntou o último ano, sumándose algunhas que se achegaron durante a pandemia. En xeral, o perfil, son persoas de menos de 24 anos ou maiores de 55 anos e, na súa maioría, mulleres. Así o apunta María Paz, portavoz da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, que xurdiu hai 30 anos. Na actualidade está integrada por 45 organizacións e representa a máis de 26.000 persoas entre socias, voluntarios e traballadoras.

Traballan en máis de 20 países e sempre con organizacións e colectivos locais. Só en 2019, puxeron en marcha máis de 60 proxectos para mellorar a vida de 400.000 persoas. "Hoxe en Galicia 1.580 persoas participan de forma solidaria no día a día das organizacións de cooperación", explica María Paz, que precisa que un 70% das persoas voluntarias son mulleres (1.103 do total). "Un dato que exemplifica a gran feminización das organizacións que tamén se da entre a base social e o persoal laboral das ONGD galegas". "Fai tres anos, as ONGD galegas tiñan 1.628 persoas voluntarias (68% mulleres). A comparativa mostra que nos últimos anos houbo un pequeno descenso do número de persoas que participan activamente como voluntarias", engade ao ser preguntada por esta cuestión.

PERFIL DO VOLUNTARIO. Respecto ao perfil do voluntario, asegura que a maioría son mulleres. Por idades, son maiores de 55 anos ou menores de 24 anos. "Na franxa entre os 24 e os 54 anos, tanto en homes como en mulleres, apenas hai persoas voluntarias". "É máis difícil contar con voluntariado permanente, entre outras cousas, porque é unha etapa vital no que as persoas adoitamos dedicar unha importante parte do noso tempo á vida laboral e ao traballo de coidados", explica.

Como outras entidades consultadas, coincide en que a participación da mocidade baixou nos últimos anos. No entanto, apunta tamén a un cambio cunha participación "vinculada a proxectos ou actividades específicas: mobilizacións, accións de rúa, en redes sociais...". "É algo que ten que ver co propio modelo de sociedade, as persoas, e especialmente as máis novas, adquirimos polo xeral menor compromiso a longo prazo en comparación con fai 20 ou 30 anos anos". Por iso, apela á necesidade de que as organizacións se adapten a un novo modelo de participación.

Ao fío diso, apunta que necesitan voluntariado "comprometido" e xente que queira dedicar "tempo e enerxía". Tamén expón que as organizacións busquen adaptarse a un novo modelo de participación. "Ser capaces de canalizar a enerxía e a solidariedade da mocidade e ofrecer espazos de participación flexibles e atractivos".

REPUNTE O ANO PASADO. Pola súa banda, Lorena Rilo, presidenta da Plataforma Coruñesa de Voluntariado, indica que en 2020 houbo un descenso xeneralizado do voluntariado, "en parte, polas restricións que nos obrigaron a modificar ou suspender moitas das nosas actividades e, en parte, pola propia cidadanía, que sentía insegura á hora de realizar certas actividades, sobre todo entre o voluntariado maior de 60 anos". "Con todo, notamos un repunte neste último ano 2021". "Moitas das persoas que permaneceran inactivas, volveron colaborar e tamén se sumaron outras que colaboraron por primeira vez durante a pandemia". "Durante este último ano, a pandemia fomentou que xente de entre 40-60 anos participen máis activamente en proxectos, xa que son idades nas que as ocupacións diarias (familia, traballo...) deixan pouco tempo para estas actividades", precisa a este respecto.

No caso dos mozos, recoñece que é "máis complicado" a súa participación por estar nunha etapa de procura activa de emprego, "pero estas circunstancias xa se daban antes da pandemia". "Os universitarios volveron a participar activamente en diferentes proxectos", indica sobre a experiencia das entidades que conforman a plataforma e traballan a nivel local e provincial.

En relación ao tipo de perfil de voluntariado que se necesita, sostén que depende do labor da entidade. "Por exemplo, para realizar acompañamento de persoas maiores, non é necesario ter unha gran formación, nin un perfil definido, pero en cambio, se o é para colaborar nunha ONG de Desenvolvemento ou de asistencia hospitalaria".

"En xeral o que unicamente se necesita é xente que teña ganas de achegar o seu granito de area e de comprometerse, o máis fácil será integrarse nunha ou outra ONG segundo o seu propio perfil", sentenza.

08 ene 2022 / 13:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.