Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Oreiro afonda na fronteira entre o humano e o dixital

O xornalista reflexiona en ‘Os mundos de agora’, co que a editorial Galaxia inaugura unha nova colección de ensaios, sobre o concepto da “transhumanidade”

Preocupado por todo o que rodea ás novas tecnoloxías, tan interiorizadas xa pola cidadanía en xeral neste século XXI, o xornalista Lois Oreiro reflexiona en Os mundos de agora (Editorial Galaxia) sobre como as big tech abriron as fronteiras entre o laboral e o ocio, entre o íntimo e o social, mentres explotan libremente os nosos datos e nos secuencian a atención.

E advirte que “cando Occidente aínda debate pórlles límites, unha nova espiritualidade tecnolóxica proxecta ampliar o negocio con implantes cerebrais e corporais para transmitir mellor, aptos para pensar por nós”.

O ensaio, co que a editorial inaugura unha nova colección de temas de actualidade baixo o título Hoxeéhoxe, foi presentado na Capela Real do Hostal en Santiago, nun acto no que o autor estivo acompañado polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

Os mundos de agora, á venda esta semana, reflicte unha realidade na que xa non se fala de excentricidades trans-humanistas, senón dun proceso que se vai ligar a necesidades que ninguén discute: a saúde e o emprego.

E é que, desde o punto de vista do autor, o imperativo sanitario e laboral lexitima modificar a intelixencia, os sentidos ou incluso as emocións.

Expón interrogantes como se no futuro seremos ciborgs? Nacen, viven e morren os ciborgs? Aman e pensan como facíamos nós?

Reflexiona sobre o concepto de “transhumanidade” e o que ten que ver con ese ser humano pegado ás pantallas e, pouco a pouco, tamén el, dixitalizado. O libro explica como as fronteiras entre o dixital e o humano vanse adelgazando día a día, co cal é posible o nacemento dunha nova realidade humana, tecnificada incluso no propio corpo (implantes cerebrais, no propio organismo...) e que vai ter repercusións claras na economía e na saúde.

Lois Oreiro (Zas, 1966) é escritor e xornalista.

Traballa na TVG. Licenciado en Ciencias da Información pola UCM, entre 1989 e 2004 foi reporteiro da CRTVG fóra de Galicia e de volta aquí alternou ese labor con colaboracións noutros medios audiovisuais, entre eles Correo Televisión.

Publicou artigos en Grial, Diario de Pontevedra, La Opinión de A Coruña, Xornal de Galicia e Avui.cat.

É autor do libro Xallas. Teoría da existencia e do poemario Uns ós outros.

11 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.