Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Oriana Méndez, Premio de Poesía Afundación

O galardón está convocado pola Obra Social de Abanca xunto ao Centro PEN de Galicia e conta co patrocinio da Xunta

A escritora Oriana Méndez gañou, co poemario Interna, a XVIII edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 27 obras inéditas. A resolución do xurado, composto polas escritoras Marica Campo e Eulalia Agrelo Costas, e o xornalista César Lorenzo Gil; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar na Sede Afundación Santiago de Compostela.

No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

“A obra gañadora caracterízase por unha voz feminina que mantén un ritmo sostido a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu. Afloran, con precisión léxica, vivencias esenciais e significativas que se manteñen coma unha memoria vivida en diálogo permanente con outras voces e referentes”, remarcaron os membros do xurado , así mesmo, “a eufonía duns versos que incitan a unha lectura en voz alta enunciados cun gran dominio dos recusos da oralidade”. Pola súa banda, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, quixo trasladar “os nosos parabéns desde Afundación, a Obra Social de Abanca, a Oriana Méndez por este XVIII Premio de Poesía Afundación. É unha honra colaborar coa Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Políticas Culturais, e co Centro PEN Galicia nun certame que, cada ano, contribúe a enriquecer o valioso acervo literario galego”.

Mentres, Anxo Lorenzo expuxo que “a Xunta de Galicia felicita a persoa gañadora nesta nova edición do Premio de Poesía Afundación, unha nova voz poética que pasa a formar parte da nómina selecta e de calidade na poesía galega contemporánea, e que permite facer deste certame creativo un dos referentes do panorama literario galego”.

Oriana Méndez. Vigo (1984). Licenciada en Filoloxía Galega pola USC, o seu labor poético comezou no ano 2000 na revista cultural A Caramuxa, de Noia. A esa intervención seguiranlle colaboracións en publicacións colectivas de grupos como Burla Negra, e na revista Mealibra, así como en numerosos recitais poéticos, encontros e proxectos de acción poética, como A revolta das letras.

No ano 2003 colaborou na elaboración do libro Xuro que nunca volverei pasar fame publicado por Redes Escarlata. En 2014 gana o Premio de poesía Concello de Carral co poemario O que precede a caída é branco e en 2019 o premio do quinto certame de poesía Rosalía de Castro de Padrón coa súa obra O corazón pronúnciase extenso. É autora de varios poemarios como Derradeiras conversas co Capitán Kraft ou Cero.

19 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito