Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ortiga: “Os merengues son unha especie de heavy metal con saxofóns”

Manuel González, máis coñecido como Ortiga, o santiagués que triunfa coa súa verbena moderna, acaba de sacar novo single xunto a Rodrigo Cuevas

Manuel González, natural de Santiago e máis coñecido como Ortiga, está vivindo un dos seus mellores momentos profesionais e lanzará proximamente o seu novo disco. Coa súa verbena moderna xa participou en varios festivais de ámbito nacional achegando os ritmos latinos con esencia galega a toda España. Ten unha interesante traxectoria. En 2017 formou xunto a outro compostelán o dúo Esteban & Manuel; tras deixar este proxecto viu o momento para tentalo el só, desta forma nace Ortiga. Pero ademais, Manuel tamén forma parte dun dos grupos galegos de moda, Boyanka Kostova.

Cando decidiches comezar no mundo da música?

A dedicarme profesionalmente no 2015-2016, porque un vai tendo unha idade e ten que ir dirixindo o seu futuro laboral ata algún lado. A min gustábame a música e púxenme con iso a ver que pasaba.

O teu estilo musical é moi innovador, dentro de que estilo te encadrarías ti?

Pois non sei, eu fago ritmos latinos dende o punto de vista que me toca vivir, son un chaval de Santiago que non ten nada que ver cos ritmos latinos e que ten que facer música electrónica porque non ten bandas. Entón creo que esa suma de factores e circunstancias é o que fai que sexa así un pouco loco.

De onde veñen as túas influencias?

Eu sempre fun heavy metaleiro, pero vaia, gústame moito o rollo de estudar música, ter técnica e todo iso, pero co heavy metal hoxe en día tampouco empatizas con moita xente e ao final os merengues son unha especie de heavy metal con saxofóns, e como me mola Metallica e Omega “El Fuerte” sáeme iso.

Cando poderemos escoitar o novo disco de Ortiga? Que vamos atopar nel?

O novo disco estará antes do verán, creo que é un disco máis tranquilo, menos festeiro pero penso que máis coidado a moitos niveis. Antes, na pre-pandemia, como estaba cada día nun sitio pois gustábame facer temas con velocidade, e agora como estou sempre no sofá pois fago cancións de estar tranquilo.

Acabas de sacar novo single “La magia de tu melena” con Rodrigo Cuevas, como foi traballar con el?

Incrible, porque para min é un referente da hostia. O disco de “Manual de Cortejo” del é un dos meus favoritos dese ano, e claro, eu para colaborar con el ía súper aberto e disposto, porque a min como se me dicía de gravar paxaros nada mais, o que quixese. A min o que máis me gustou é que entende a música dunha forma un tanto distinta a min pero moi complementaria, entón basicamente sentándonos no sofá xa deixamos todo moi claro e o resto foi só un trámite. Foi todo unha filosofada a partir da cal se fan cousas, máis que poñerse a tocar a ver que sae e paréceme que é interesante iso.

Tamén cantas no grupo Boyanka Kostova, en que se diferenza e que similitudes ten con Ortiga para ti?

A similitude é que as bases as fai o mesmo chaval, que son eu (risas). Ortiga eu enténdoo como a perspectiva que teño eu da vida e en cambio Boyanka Kostova é a perspectiva que temos Cibrán e eu conxuntamente da vida. Nós o que facemos son xéneros musicais en función da voz, porque o que importa é o que estea contando quen canta, e o que podo facer para que Cibrán cante por encima coa súa temática é moi distinta á que podo facer eu só. Eu tamén teño ese punto rapeiro, porque sempre me gustou o rap e o trap, entón tamén podo darlle unha saída artística a un chaval que senón estaría na casa raiado.

Cando remate todo isto, cal sería o primeiro lugar onde che gustaría poder dar un concerto?

Igual na Quintana en Santiago, e que eu son moi romántico e na praza da Quintana na miña cidade, coidado, que iso sería unha marabilla.

23 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.