Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Os Cadernos Ramón Piñeiro’ súmanse á homenaxe do centenario da revista ‘Nós’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe o novo volume da colección titulado “Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor”

SANTIAGO. O pasado 2020 cumpríronse 100 anos do lanzamento da célebre revista Nós. Nun ano adicado a loar e conmemorar esta importante efeméride, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) quere renderlle tamén a súa propia homenaxe no marco da colección Cadernos Ramón Piñeiro dedicándolle a súa edición número XLII, Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor. Este caderno, que recolle ata 38 colaboracións, foi presentado este serán na Sede do CRPIH polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade recordou que “a revista Nós é un referente interxeracional na divulgación cultural, científica e lingüística galegas sen o cal sería imposible imaxinar a Galicia que coñecemos hoxe.” Sinalou, ademais, “o importante labor que os intelectuais de Nós levaron a cabo na normalización do uso do galego, un dos elementos vertebradores do boletín”.

HOMENAXE COLECTIVA. A edición dos Cadernos Ramón Piñeiro (XLII). Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor vén da man dos investigadores Luís Cochón e Laura Caamaño Pérez e contou coas colaboracións de Rafael Chacón Calvar, Justo Baramendi, Manuel Outeiriño, Xosé Manuel Beiras, Xurxo Martínez González, Xosé Luis Axeitos, Bieito Iglesias, José Antonio Durán, Ángel Gónzalez Férnandez, Camilo Gonsar, Emilio Xosé Insua, Pepe Barro, Ramón López Vázquez, Gustavo Luca, X.L. Méndez Ferrín, Xosé Carlos Valle Pérez, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Alonso Montero, Anxo Angueira, Carlos Baliñas Fernández, Darío Xohán Cabana, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Xosé Ramón Fandiño, Manuel Forcadela, María Pilar García Negro, Xosé Manuel González Reboredo, María Xesús Lama López, Teresa López, Carlos López Bernárdez, Xosé Ramón Pena, Xabier Ron Fernández, Miguel Anxo Seixas Seoane, Luis Seoane, Mª Ángeles Tilve Jar e Xosé Fernando Filgueira Valverde.

O propósito dos editores literarios, Luis Cochón e Laura Caamaño Pérez, foi rememorar aquel boletín mensual da cultura galega que tomou forma na revista Nós (1920-1936), onde escribiron cando menos 200 autores do noso pertencentes a tres quendas xeracionais en idioma galego, galegamente.

REVISTA ‘NÓS’. Fundada o 30 de outubro de 1920, a revista Nós foi impulsada e dirixida por Vicente Risco co obxectivo de reivindicar a cultura propia de Galicia a través do estudo científico e da creación literaria. Dunha banda, buscouse difundir a través dela o coñecemento científico e humanístico que se estaba a producir en Galicia. Pola outra, a intención era achegar a Galicia as novas ideas que xurdían por aquel entón no resto de Europa. Durante os seus 16 anos de vida, viu pasar polas súas páxinas escritores do máis diverso e ilustre de Galicia, desde os intelectuais do Grupo Nós (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol...) ata unha xeración de autores máis novos (Fole, Bouza-Brey, Fernández del Riego...) que fixeron da revista Nós un referente da cultura galega 100 anos despois.

12 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.