Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os datos confirman a reactivación das industrias culturais en Galicia

O conselleiro felicita aos profesionais porque co seu traballo o sector mellora xa as cifras previas á pandemia // Destaca as exportacións dos produtos da comunidade

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades amosouse optimista sobre o momento que vive o sector cultural galego que, á vista dos últimos informes de actividade e consumo cultural, está a describir unha “tendencia moi positiva” cara á súa recuperación plena. Así o expresou na inauguración da feira Culturgal, que celebra a súa 15ª edición desde o xoves e ata o vindeiro domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Román Rodríguez referiuse aos últimos datos presentados polo Consello da Cultura Galega, que mesmo melloran os cómputos rexistrados polas nosas industrias culturais antes da pandemia. É o caso das cifras de emprego, con 35.400 persoas traballando neste ámbito en Galicia e preto de 1400 novas filiacións á Seguridade Social entre agosto de 2021 e o mesmo mes de 2022. Destaca igualmente o crecemento da confianza por parte do público e das exportacións dos produtos culturais galegos, con 43 millóns de euros máis que o ano pasado ata chegar aos 400 millóns totais, así como a recuperación na creación de empresas culturais, que superan xa o centenar.

“En resumo, as nosas empresas culturais souberon potenciar as súas características para manter a actividade e o interese da cidadanía”, concluíu o conselleiro, ao tempo que lles agradeceu aos seus profesionais a gran capacidade de traballo e adaptación, o seu compromiso coa cultura galega e o “inxente esforzo” destes últimos anos.

Neste sentido, fixo referencia ás diferentes iniciativas coas que a Xunta lles está a dar resposta ás necesidades do sector para que este sexa un punto de inflexión cara a un maior desenvolvemento e crecemento, ademais de lembrar que Galicia continúa á espera de que o Ministerio de Cultura e Deporte active o chamado PERTE cultural, para o que o Goberno galego remitiu 19 proxectos por un importe de preto de 290 millóns de euros.

Entre as medidas impulsadas pola Administración autonómica, mencionou en primeiro lugar o Hub Audiovisual da Industria Cultural, a través do que se está a impulsar a rodaxe en Galicia de 10 longametraxes e series cun gasto superior aos 25 millóns de euros por parte das produtoras implicadas e cun retorno económico estimado en máis de 33 millóns de euros. Cun investimento de 9,6 millóns de euros entre 2021 e 2023, inclúe asemade a próxima posta en marcha da plataforma Galicia Film Commission e outras medidas transversais ao resto dos ámbitos culturais.

Xunto co éxito das dúas convocatorias do Bono Cultura, das que se benefician preto de 60.000 usuarios, salientou varias das convocatorias de subvencións canalizadas a través dos fondos Next Generation EU, como as destinadas á modernización das infraestruturas culturais ou a ampliar a oferta cultural do rural galego mediante a liña Territorio Cultura.

Ao tempo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a traballar na próxima entrada en funcionamento doutros moitos proxectos, entre os que destacou o programa Xeración Cultura, o Observatorio para a Innovación no Patrimonio Cultural ou as iniciativas lexislativas en relación coa cultural dixital e coa cultura accesible e inclusiva.

INICIATIVA
Plan para o sector da danza

···No marco da feira Culturgal, a actividade da Consellería de Cultura inclúe a presentación ao público e aos profesionais de varias das súas iniciativas. Así, o Espazo Profesional acolle un avance do Plan Integral para a Danza de Galicia. Este documento busca establecer unha folla de ruta para os vindeiros anos e funcionar como unha ferramenta actualizable, avaliable, sustentable e con vontade de desenvolvemento para potenciar a danza.

‘O Corpo Aberto’, protagonizada por Tamar Novas, estrea o seu tráiler
Dirixida por Ángeles Huerta, a película está baseada nun relato
de Méndez Ferrín

Santiago. Xa está dispoñible o tráiler da película hispanolusa O Corpo Aberto, dirixida por Ángeles Huerta e protagonizada por Tamar Novas, María Vázquez e Victória Guerra, que verá a luz en cinemas o 9 de decembro. A longametraxe de terror folk, baseado nun relato de Xosé Luís Méndez Ferrín, narra a historia dun profesor que, a principios do século XX, recibe como primeiro destino Lobosandaus, unha pequena localidade da raia seca, na fronteira entre Galicia e Portugal. Así, nada máis chegar percibirá como o misterio e a morte conviven con naturalidade na vida cotiá.

Deste xeito, o profesor enfrontarase, desde o racionalismo e a ciencia, á crenza da poboación local de que o espírito dos mortos pode manifestarse e permanecer entre eles ao habitar outros corpos.

Ademais, O Corpo Aberto, que conta coa banda sonora da música de Mercedes Peón, rodouse integramente no Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, e nos concellos ourensáns de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín. A película, xa participou en diversos festivais como a Semana Internacional de Cinema de Valladolid (Seminci) ou o Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa. Ademais, foi galardoada co premio a Mellor Película Asturiana no Festival Internacional de Cinema de Xijón.

A película proxectouse onte dentro do marco da feira Culturgal, que se celebra no Pazo dá Cultura de Pontevedra até este domingo.

Á presentación do filme asistiron a directora da película, Ángeles Huerta, e o actor protagonista, Tamar Novas. Contou coa intervención de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre outros.

É un traballo de OlloVivo Producións e chegará ás salas de cinema o vindeiro 9 de decembro. REDAC.

26 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito