Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os filmes ‘Ons’ e ‘A illa das mentiras’ vencen nos Premios Mestre Mateo

Destaca en nove categorías o dirixido por Alfonso Zarauza// O de Paula Cons consegue cinco galardóns

A Academia Galega do Audiovisual entregou os seus premios anuais nunha gala celebrada no Teatro Colón da Coruña e presentada por Lucía Veiga. A película Ons, de Alfonso Zarauza (prema neste enlace para ver a nosa entrevista ao director), resultou gañadora en 9 das categorías polas que optaba a premio, mentres que A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons, obtivo 5 galardóns.

As académicas e académicos tamén elixiron Nación, de Nós Produtora Cinematográfica Galega coa partipación da TVG como mellor documental, Néboa, de RTVE, como mellor serie de televisión, e Cinephilia, de Noveolas Producciones e Telemiño, como mellor programa. Desde o mar, de Juan Galiñanes e Kaito Estudios, foi distinguido co premio a mellor anuncio publicitario; Muinheira de interior, de Xaime Miranda, co de mellor videoclip, e Carne de Abano Producións, e Xoves de comadres, de Islandia Producciones, gañaron cadanseu galardón á mellor curtametraxe de animación e imaxe real. Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo foi distinguida como mellor serie web.

Na gala celebrada no Teatro Colón, Ons, que partía con 13 candidaturas finalistas, conquistou os galardóns á mellor longametraxe. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de Fotografía de Alberte Branco (AEC), a dirección de produción de Tamara Soto, o guión de Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, a montaxe de Fernando Alfonsín, o son de Sérgio Silva e David Machado e case pleno nas categorías de interpretación, con premios para Melania Cruz, Antonio Durán Morris e Marta Lado.

A illa das mentiras fíxose con 5 galardóns, dos 12 aos que optaba: mellor dirección para Paula Cons, interpretación masculina de reparto para Milo Taboada, dirección de arte para Antonio Pereira, maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo e Patricia Vilela e vestiario para Eva Camino.

O resto de premiados da noite foron Rodrigo Vázquez, mellor comunicador co programa Quen anda aí?; Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares, mellor realización por Cos pés na terra e a Orquestra Fugaz de Improvisación mellor música orixinal pola banda sonora de 9 fugas.

Ademais de premiar a producións e profesionais, a Academia Galega do Audiovisual premia cada ano a traxectoria de profesionais cuxa traxectoria resulte relevante para o sector. O actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega. Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro (Lugo) desde principios dos anos sesenta vén desenvolvendo unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas culturais.

A presentadora do espectáculo, Lucía Veiga, estivo acompañada no escenario do Teatro Colón por De Vacas, que puxeron a música en directo na gala do audiovisual.

10 abr 2021 / 21:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.