Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os María Casares resaltarán a resistencia das artes escénicas

Os premios celebrarán este xoves o seu XXV aniversario cunha gala interxeracional contra as distopías no teatro Rosalía de Castro

Unha gala interxeracional contra as distopías para revindicar a resistencia das artes escénicas e que servirá para festexar os encontros, a convivencia e o que nos fai humanos. Así será a dos Premios de Teatro María Casares deste xoves, na que haberá unha dobre celebración.

Por unha banda, os galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia chegan a súa XXV edición. Pola outra, significarán un reencontro festivo para o sector tras a suspensión de 2020 e as grandes dificultades que atravesa a escena dende o inicio da pandemia.

Con estes liñas mestras, traballan dende hai meses Chiqui Pereira e Paula Carballeira, codirectores da gala.

“Nos María Casares reivindicaremos o sentido do humor, do xogo e da celebración dos encontros grazas a unha troupe interxeracional que personifica a resistencia das artes escénicas e tamén a traxectoria do teatro galego”, dixo Paula Carballeira no concello ante os medios na compaña do concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín; o director da Axencia das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o presidente da AAAG, Xosé Barato.

Destacou a importancia esencial tanto para as artes vivas coma para a sociedade da “presencialidade” e da “intelixencia emocional” fronte o “claustrofóbico” que resultan “a virtualidade, a intelixencia artificial ou as pantallas”.

Esas son outras das claves desta gala que transitará entre o humor e a distopía da man dun elenco conformado por actores e actrices de diferentes idades. Casilda Alfaro, Alfredo Rodríguez, Nuria Sanz, Suso Cortegoso, Alba Bermúdez e Nelu Vermouth serán os intérpretes que protagonizarán unha cerimonia de entrega, cuxa escenografía correrá a cargo de Suso Montero e a música estará composta por Nacho Sanz.

Ademais, os dramaturgos Carlos Santiago e Clara Gayo realizarán senllas colaboracións especiais, mentres que Evaristo Calvo lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Ademais, durante a gala, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas recibirá o Premio de Honra Marisa Soto.

O presidente da AAAG, Xosé Barato, quixo subliñar pola súa parte a importancia de recuperar a gala dos María Casares, por vez primeira “lonxe no calendario” con respecto o Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo, por mor da pandemia do coronavirus.

Dunha pandemia que significou “un gran golpe para todo o sector das artes escénicas”, sinalou Barato antes de engadir que a gala se poderá seguir en directo a través da canle de Youtube dos Premios de Teatro María Casares. A retransmisión principiará ás 20.00 horas.

Trece espectáculos a competición. Un total de 13 espectáculos competirán como finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns que se entregarán durante a gala dos XXV Premios de Teatro María Casares.

A obra A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, conta cun total de oito finalistas, polo que opta a outros tantos premios. Dreaming Juliet, de Elefante Elegante; a obra 32m2, de ButacaZero, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada, compiten tamén por cinco galardóns cada unha.

Micropectivas dun marica millennial, de Incendiaria, está como finalista en catro categorías, ao igual que Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández, e O premio, de La Quintana Teatro. O mozo da última fila, de Redrum Teatro, aspira a tres galardóns.

Por último, cinco obras optan a un premio: Poeta en Nova York, de Teatro Baixo da Area; A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico; O libro da selva, de Teatro Avento Producións; Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón, e Ris Ras, de Baobab Teatro.

Os María Casares están organizados dende o ano 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación ASIGE, a Fundación SGAE e Gadisa.

cita para o reencontro
Recoñecemento a
todo un colectivo

···“A gala desta semana será, sen dúbida, un momento de reencontro, de celebración e de recoñecemento colectivo á difícil labor mantida ultimamente por todos os profesionais do teatro”, asegurou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a súa intervención na presentación dos Premios de Teatro María Casares. Unha gala que conta co apoio económico por parte da Xunta no marco do convenio de colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Tras trasladar en nome da Consellería de Cultura os parabéns a todos os proxectos finalistas, así como á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas -que recibirá o premio de honra Marisa Soto-, lembrou que moitas das accións de recuperación postas en marcha polo Goberno galego co Plan de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19 están dirixidas a apoiar as empresas e profesionais do ámbito escénico.

07 sep 2021 / 17:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.