Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
GALA

Os Premios Martín Códax da Música Galega desafían a covid-19 e celebran con éxito a súa sétima edición

A cantaora María Manuela recibiú o galardón honorífico

Santiago. Os Premios Martín Códax da Música Galega celebraron este mércores a súa gala, onde un ano máis entregaron as xa famosas estatuiñas das Melómanas aos proxectos premiados, así como o premio honorífico, que recaeu na cantora María Manuela.

Moita música en directo e por suposto referencias á pandemia - tanto en clave de humor como reivindicativa - foron elementos destacados do certame organizado pola Asociación Músicas ao Vivo.

O acto que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra foi retransmitido en streaming pola web dos Premios e a través da páxina de La Voz de Galicia. A gala estivo conducida pola actriz e cantante Inés Salvado Gontad e o encargado da dirección musical foi o saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas. Como director artístico da mesma exerceu o actor e dramaturgo Gustavo Dieste.

En representación das entidades patrocinadoras dos Premios da Música Galega Martín Códax, asistiron a Directora de Marketing das Bodegas Martín Códax, María Garrido, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e en representación da Deputación de Pontevedra contaron con Victoria Alonso, deputada da Área de Cultura e Gregorio Agif, de Promoción Económica.

Entre os e as artistas que se fixeron co galardón, especial mención á Banda de Música d Merza, que estreou nova categoría. Como nas primeiras edicións do certame a categoría de Música Tradicional e Folk desdobrouse en dúas, resultando premiado Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na de Música Tradicional e Caldo na categoría de Música Folk. Unha edición onde se reafirmou a forza das mulleres na música galega, resultando premiados proxectos como o de Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia Penide ou Najla Shami, por mencionar tan só algúns deles.

“ESTAMOS AQUÍ!”. No seu discurso final, a xunta directiva de Músicas ao Vivo, ademais de salientar o agradecemento ás e aos participantes, patrocinadores, colaboradores, socias e socios de Músicas ao Vivo e ao xurado, quixo deixar clara a súa reclamación pola desprotección social e laboral endémica que sufre o sector, e que se veu reforzado pola actual crise sanitaria.

Recalcaron a “precaria situación á que moitas e moitos músicos se ven abocados polas cancelacións de última hora, as reducións de aforo desmesuradas ou o peche de locais de música ao vivo” entre outras eivas ás que se ven sometidos e sometidas.

Dende Músicas ao Vivo solicitan, entre outras medidas, que “as Administracións manteñan un firme compromiso coa cultura este ano e os vindeiros, coas partidas orzamentarias asignadas e respetando os compromisos adquiridos”. Salientaron a urxen necesidade dunha “prestación extraordinaria por cese de actividade para os músicos e músicas autónomas” que se adapte á singularidade laboral destes/as profesionais, e a necesidade de rebaixar o ive cultural en toda a súa cadea de valor.

PROXECTOS PREMIADOS NAS CATEGORÍAS MUSICAIS:

-Proxecto destacado Galego de Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida

-Proxecto destacado Galego de Rock: Agoraphobia

-Proxecto destacado Galego de Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons

-Proxecto destacado Galego de Metal: Broa

-Proxecto destacado Galego de Canción de Autor/a: Silvia Penide

-Proxecto destacado Galego de Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio

-Proxecto destacado Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard

-Proxecto destacado Galego de Electrónica: Músculo!

-Proxecto destacado Galego de Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)

-Proxecto destacado Galego de Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío

-Proxecto destacado Galego de Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

-Proxecto destacado Galego de Música Folk: Caldo

-Proxecto destacado Galego de Músicas do Mundo: Najla Shami

-Proxecto destacado Galego de Música Infantil: Magín Blando e a Banda das Apertas

-Proxecto destacado Galego de Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo

-Proxecto destacado Galego de Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile

-Proxecto destacado Galego de Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza

PREMIOS ORGANISTRUM:

-Salas: Naútico

-Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa

-Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas

22 oct 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.