Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os segredos agochados nas Fragas do Eume

O Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil leva xa convocándose desde o ano 2018. Co obxectivo de lembrar e enxalzar a figura homenaxeada co Día das Letras Galegas nese mesmo ano á vez que de promover unha creación literaria de calidade para o público xuvenil, distinguíronse xa catro obras. No ano 2018, galardoouse a Antonio Manuel Fraga, por O bestiario científico de Anxos Nogueirosa; no 2019, a Beatriz Maceda Abeleira, por Ardora; e no 2020, a Lorena Conde, por Velloucas & Minchas. Nesta última convocatoria, o xurado, composto por Lorena Conde, Luz Gallego e Andrea Jamardo, determinou que a obra premiada fose O segredo de Al’eume.

O texto premiado é da autoría de Pilar Ortega Pereiro, que conta no seu haber con outras distincións ás que engade agora o IV Premio de María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. O segredo de Al’eume vén de publicarse ao coidado da edición de Cuarto de Inverno, que suma este título á súa colección Xuvenil.

A protagonista da obra é Xiana, unha adolescente cuxa vida se complica un sete de febreiro, día no que a súa irmá pequena sofre un accidente de bicicleta xunto ao Mosteiro de Caaveiro. Este accidente supón un tratamento cun custo moi elevado que a familia non pode asumir e Xiana vese na obriga de ter que botar unha man. De xeito simultáneo, a lenda do tesouro de Al’eume comeza a ter máis sona na zona, polo que Xiana, con toda a determinación posible, embárcase na procura do tesouro coa súa espelida amiga Lúa para solucionar os problemas económicos familiares. Con todo, engadido á dificultade de ter que atopar un tesouro agochado por máis de seis séculos, terán que sortear os obstáculos de non ser as únicas que andan na súa procura.

A narración de Pilar Ortega destaca por adentrarse nas relacións de familia e amizade e por permitir mergullarse ao lector nas emocións dos personaxes, especialmente de Xiana, que experimenta constantes e pesarosas sensacións de culpabilidade e de ansiedade. Toda esta historia de misterio, aventuras, lendas e segredos que percorren a xeografía galega, desde as fragas do Eume, pasando por Compostela, até Finisterre, enféitase con acertados toques humorísticos nos momentos máis oportunos e enxire melifluos momentos de agarimo. En definitiva, unha obra que cumpre axeitadamente co propósito do galardón, presentar unha boa mostra de literatura xuvenil de calidade que indubidablemente afianzará unha ampla pluralidade de lectoras e lectores.

inesmosquerac@gmail.com

18 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.