Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 23 enero 2021
20:39
h
ENTREVISTA
Alfonso Zarauza. Cineasta

“Os silencios na vida, pero sobre todo no cine, contan máis que as palabras”

Gústame falar con este compostelán, ao que lle podes facer preguntas sen ningún tipo de limitación. A verdade é que podo dicir que, normalmente, me sinto libre nas miñas entrevistas, e esa liberdade trasládase, en consecuencia, para o entrevistado, que non ten a necesidade de quedar ben con ninguén e que é capaz de dicir o que se lle pasa pola mente, con sinceridade. Esta, para min, “non é o pasaporte da mala educación”, como escribiu o escritor español Jardiel Poncela. Estou máis cerca do novelista francés André Maurois: “Ser sincero non é dicir todo o que se pensa, senón non dicir nunca o contrario do que se pensa”.

Pode ser Ons un lugar apropiado en inverno para salvar un matrimonio en crise?

Calquera sitio pode ser un lugar axeitado para salvar un matrimonio ou para afundilo. O que si ten unha illa (que non sexa moi grande) é que ten unha delimitación xeográfica visible, que acrecenta a sensación de aillamento, como o personaxe de Mariña, que fai running coma un rato correndo na súa roda xiratoria, sen ir a ningún lugar concreto salvo ao interior de si mesma e os seus pantasmas.

Todos os matrimonios e parellas de moito tempo teñen crises porque na convivencia nos afacemos a amosar unha cara pero a ocultar outra. Nesta cara oculta do noso interior é onde se agochan os medos, os desexos e as frustracións.

Os silencios desempeñan un papel fundamental no filme. Eses segundos que transcorren entre pregunta e resposta cando hai un diálogo son, ás veces, matadores. Mesmo doen.

Os silencios na vida, pero sobre todo no cine, contan máis que as palabras. As palabras son concluíntes pero os silencios son máis poderosos. Cando traballo cos actores interésame máis o que me agochan que o que me amosan, e no filme é moito máis importante o que non se di que o que se di. Eu quería facer un filme sobre o que non se di nas relacións e para min foi todo un reto mental atopar a maneira fílmica de plasmalo.

Nada nin ninguén é o que parece nesta historia?

Nada é o que parece porque todo o mundo agocha algo, por iso o que non se di adoita ser máis verdadeiro que o que se di. Este exemplo pode ser moi bruto, e incluso un pouco zafio, pero moi elocuente: un home ou unha muller nunca lle diría á súa parella: “Desearía follarme a tu amiga, esa que está tan buena” ou unha muller á súa parella: “Ultimamente me excitan as mulleres”, pero é bastante probable que este tipo de pensamentos se che pasen pola cabeza con máis frecuencia da que un poida imaxinar, e si se lle pasa pola cabeza é que ten ese desexo reprimido dalgunha maneira.

Este é un exemplo bruto do que eu quería falar, do que non se di nunca, por medo ao vacío, á soidade ou a perda da propia relación. E aí xogaba un papel simbólico a idea de illa, todas as illas, como todas as persoas teñen unha parte que emerxe sobre o mar e unha parte que subxace baixo o mar, como os personaxes do filme.

Un matrimonio en crise, unha illa deshabitada e unha misteriosa muller naufragada... un cóctel perfecto... para volverse tolo?

Bueno, dicía Tolstoi que “tolos son aqueles que atopan nos demais defectos que non saben buscar en si mesmos”. A esencia de toda realidade é a escaseza. Sempre nos movemos na dicotomía entre o que desexamos e do que carecemos. Temos necesidade de amor, de afecto, de desexo sexual ou de instinto maternal e escaseza de todo iso, porque sempre desexamos o que non temos.

Por iso, como di a fareira do filme: “Estamos á deriva na inmensidade da noite oceánica en busca dun faro que nos guíe, o problema dos faros é que te iluminan, pero se te achegas moito a eles podes acabar afundindo ou encallando”.

Eu nunca fun máis infeliz que nos períodos longos nos que tiven parellas estables, non me sentía libre, o problema é que cando non teño parella o único que desexo é volver a tela e añoro esa agradable escravitude. Son os paradoxos do faro.

Teño que dicirche que me sorprende o final da película. Non vou a destriparlo, pero... confésoche que me amola ese simulacro de sorriso fronte á apatía de outro...

Era o único final posible para esta historia. Non cres?

No fondo, é verdade. Tes razón... Por certo, ‘Ons’ (o filme) parécese a algunha outra?

Seguramente, aínda que esa non fora a miña vontade. Pero a min gústame pensar que é unha rareza única, malia que me engane a min mesmo.

Na miña humilde opinión, as ganas que podería ter de visitar Ons desapareceron... É demasiado pura, quizais, moi á marxe de todo, non digo terceiromundista, pero, case... Iso de que se vaia a luz...

É unha cuestión subxetiva pero a min paréceme máis tercermundista a contaminación lumínica, ou encher Galicia de eucaliptos que empobrecen o chan e o futuro de Galicia, pero enriquecen a ENCE e están por todas partes salvo nos vídeos horteras de Turgalicia. Ons é un lugar marabilloso. Un dos poucos lugares onde podes experimentar a sensación de ser humano en harmonía coa natureza (aínda que en verán é máis difícil).

Para empezar, as noites non están iluminadas nada máis que pola lúa, iso hoxe en día empeza a ser un luxo, aínda que resulte paradóxico. Eu fun profundamente feliz neses dous meses que pasei nesa illa en outubro e novembro, sen ter electricidade para cargar o meu móbil polas noites. Sentir a forza da natureza e a súa beleza estando dez horas baixo un temporal nunha praia ou nun cantil é unha experiencia poderosamente única. Aprendes a vivir ao ritmo da natureza.

Cesáreo, o barqueiro do plano final do filme, é xunto á súa parella, Victoria, os dous últimos habitantes da illa, dos que pasan alí os doce meses do ano. Cesáreo é un ser que dá a sensación de ser profundamente feliz, sabio e pleno. A illa é a súa despensa persoal, sabe como vivir dela e de como vivir para ela. Eu seguramente non sobreviviría alí sin neveira, el si, iso pode parecernos progreso pero non deixa de ser un novo tipo de ignorancia urbanita.

Tivestes problemas á hora de rodar debido ás limitacións que ten Ons?, unha illa que non quere ser Patrimonio da Humanidade.

A verdade é que a xente de Parques Nacionais déronos todas as facilidades, aínda que nós eramos moi conscientes de onde estabamos e intentamos ser moi respectuosos.

Pregunta obrigada: como xurdiu a historia, Alfonso?

Primeiro xurdiu a idea, o tema sobre o que quería que tratase o filme, e a partir de aí, na maneira de articulalo, foi xurdindo a historia, que non apareceu até que emerxeu a idea de illa. Para min o que pasa é o de menos, o que me importa é o que quero trasmitir. Por iso o importante non é o que pasa senón o que lles pasa ou o que non lles pasa e como lles afecta.

Cal é a mensaxe que desexas transmitir?

O cinema galego está nun momento único e a un nivel altísimo a escala mundial. O noso cinema respéctase fóra das nosas fronteiras. Aproveitade a ocasión de ver este filme, non vos vai deixar indiferentes. Ademais, aínda que teña un claro sesgo autoral, é moi entretido. Ten misterio. É un auténtico thriller emocional, como a cabeza dalgunhas cantas parellas de amigos meus que levan demasiado tempo xuntos.

E como che sentes ao saber que está a ter tan boa acollida e que ostente a mellor media de espectadores en España a túa película?

O presidente demente dos Estados Unidos manda a un grupo de chalados acólitos a dar un golpe de estado no Capitolio. Un virus mortal destrúe toda a nosa vida social, reprime as nosas liberdades individuais e machuca a nosa economía, e agora, para rematar, un filme galego de autor e en galego colócase como o de maior ratio por copia de toda España por enriba de Wonder Woman 1984. O mundo vaise á merda! Non, é broma, estou profundamente feliz. O que pasou o domingo en Vigo foi incrible. A fila daba a volta a esquina e quedaron cento cincuenta persoas sen entrada. Non entendo nada pero non podo estar máis feliz.

Sinopse

Tras unha profunda depresión pola morte da súa amante nun accidente de coche, Vicente chega xunto á súa esposa, Mariña, a unha remota illa do Atlántico, co obxectivo de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio.

A vida na solitaria illa séntalle ben a Vicente, que pide á súa muller prolongar a súa estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor, ata que tras un naufraxio no medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller aparece na illa e irrompe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volverá ser o que era.

13 ene 2021 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito