Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Outorgados os premios de podcasts Radio na biblio

CUARTA EDICIÓN A Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega, vén de premiar o traballo de centros de Cedeira, Malpica, A Guarda, Vigo e A Coruña no o IV Concurso de Podcasts Radio na biblio, centrado na figura do poeta, articulista, tradutor, editor, activista cultural e político no exilio Florencio Delgado Gurriarán.

O obxectivo do certame é estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos en galego, reforzar a lectura de poesía nesta lingua ou o achegamento ao mundo da edición, da tradución e da cultura galega en América.

O certame consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e unha cuarta para Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos).

Os traballos premiados teñen cada un deles unha asignación de mil euros.

Os equipos galardoados poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago. Os traballos premiados serán emitidos por esta emisora e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.

Puideron concursar os 138 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. ecg

15 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito