Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pablo Nogueira e Eva Piay reciben o XVIII Pura e Dora Vázquez

Dotado con 1.500 euros para cada modalidade, o galardón é convocado pola Deputación ourensá

O colexio público Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea acolleu este venres o acto de entrega do XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, que por decisión do xurado tivo como gañadores nesta edición aos ourensáns Pablo Nogueira, polo seu libro O clube de coleccionistas de selos, e á ilustradora Eva Piay, que coas súas láminas puxo imaxes á obra.

Ademais dos premiados, o acto contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; a deputada provincial de Cultura e Producións Audiovisuais e presidenta do xurado, Patricia Torres; o alcalde de Cea, José Luis Valladares, e a xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Judith Fernández.

Rosendo Fernández destacou que este acto se celebra “dous días despois de que a Xunta de Goberno da Deputación validara a proposta de Manuel Baltar para presentar a candidatura das irmás Pura e Dora Vázquez ás Letras Galegas de 2023”.

Agora, dixo, “situamos o nome das autoras e autores contemporáneos ao carón de dúas xigantes das nosas letras”. Desde a deputación, afirmou, “temos adquirido un firme compromiso coa promoción da nosa cultura incentivando a creación, máis importante se cabe na literatura infantil e xuvenil en galego, pois contribuímos a espertar o gusto pola lectura e defender o uso do idioma que nos dá identidade”.

Patricia Torres agradeceu o labor do xurado integrado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio, Isabel Mociño, e Ana Malingre como secretaria, ademais da deputada como presidenta. Desexou que o alumnado goce dun libro “que ademais das diferenzas tamén fala de persoas moi importantes nas nosas vidas como os avós”.

Pablo Nogueira, ovacionado no seu colexio de Cea por máis dun cento de alumnos, explicou que desde as páxinas do seu libro tratou de artellar unha historia “onde aspectos como a inclusión, a diversidade e diferenza cobrasen unha grande importancia”, aspecto valorados e reflectidos por Eva Piay nas súas ilustracións, “que ademais da escrita tamén nos permiten expresarnos, falar do que somos e do que pensamos”.

O galardón, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 euros para cada modalidade e busca fomentar a lectura no público máis novo.

Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é mestre de Audición e Linguaxe no colexio de Cea. Licenciado en Psicopedagoxía pola USC, ten publicadas dúas novelas curtas para o público adulto.

Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999), cursa o último ano de Belas Artes en Valencia. Compaxina os estudos co traballo como ilustradora en revistas e fanzines, e ten colaborado ademais con escritoras, concellos e organizacións.

21 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.