Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pavimentando o camiño para as que veñen detrás

No tocante aos referentes de Galicia, é imprescindible falar de María Josefa Wonenburger (1927-2014), unha muller recoñecida internacionalmente no eido das matemáticas pero que, como moitas outras, aquí ficou esquecida a maior parte da súa vida.

De feito, tal e como contan María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, autoras dun artigo sobre a súa vida e a súa fonda pegada no eido das matemáticas que publicaron en La Gaceta de la Real Sociedad Matemática Española, incluso houbo quen empregou o seu traballo sen saber que, en realidade, M. Wonenburger era española, natural de Montrove (Oleiros).

María Josefa Wonenburger Planells naceu no seo dunha familia ben posicionada economicamente, filla de Julio Wonenburger Canosa e da valenciana Amparo Planells. Tal e como salientan Souto e Tarrío, a infancia de Wonenburger estivo marcada por unha curiosidade - por dicilo así- para a época, tivo o apoio dos seus pais no tocante a cursar estudos universitarios, algo que non era común para as mulleres naquel momento, a pesar de que as universidades españolas comezaran a aceptar alumnado feminino a partir do 1910.

Dende ben pequena Wonenburger comeza a súa formación, ingresando con catro anos no Colexio Frances da Coruña, onde descobre a súa paixón - e destreza- polas matemáticas. A andaina académica desta pioneira continúa ata que, en 1945, se matricula na Universidade Central de Madrid - actual Complutense- para cursar a licenciatura de Matemáticas no medio dun panorama político convulso tras a Guerra Civil e a toma do poder por Francisco Franco.

Sempre foi unha alumna sobresaínte, algo que queda evidenciado cando cando, mentres se doutoraba en 1953, esta oleirense recibe unha beca Fulbright para ir a Estados Unidos, sendo a primeira española en formar parte deste programa dependente do Departamento de Estado do país americano.

Este será un dos fitos da súa carreira, aínda que non é o único n in tampouco o máis relevante. Wonenburger acaba doutorándose na Universidade de Yale en 1957, volvendo a España becada polo CSIC, e, finalmente, viaxando a Canada, en calidade de investigadora na Universidade de Toronto, onde acabaría sendo a única muller no cadro docente.

Tamén aquí dirixiría a tese doutoral dun dos seus alumnos, que anos máis tarde recoñecería que sen ela tería sido imposible desenvolver a álxebra de Kac-Moody: Robert Moody. Para quen non sabe de matemáticas semellan palabras baleiras, pero trátase dunha teoría que xa é unha ferramenta estándar que xoga un papel central nas Matemáticas e na Física dende os anos sesenta, que nos últimos anos evolucionou radicalmente e na que aínda se sigue a traballar.

Asemade, as achegas de Wonenburger en materias como a Teoría de Grupos ou as álxebras de Lie, que plasmou en máis dunha vintena de publicacións, foron citadas en varios libros, sendo un engrenaxe fundamental no concepto das matemáticas que temos hoxe en día. Con todo, o recoñecemento da súa labor que teñen os seus colegas de profesión, coma acostuma a acontecer, no se traduciu á nosa terra ata ben entrado o século XXI, en gran parte grazas á labor de investigación de Souto e Tarrío.

Hoxe en día as homenaxes a esta muller clave no ámbito científico, que faleceu hai oito anos na Coruña, son, afortunadamente, moitas e en eidos moi variados. Quizais, alén das rúas e parques que levan o seu nome e ser doutora honoris causa pola USC, o recoñecemento que máis perdura o seu legado é o galardón que a Unidade da Muller e Ciencia da na súa honra todos os anos, premiando a labor das mulleres galegas pioneiras e mantendo o espírito investigador, rompedor e innovador que Wonenburger tivo ao longo da súa carreira e co que creou unha importante escola internacional de álxebra.

Entre estas galardoadas, están Mabel Loza (2019), coordinadora do grupo de investigación BioFarma; Amparo Alonso (2020), presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial; ou Victoria Lareu (2022) , líder no campo das ciencias forenses.

09 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.