Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Percorrido pola biografía de Ricardo Carvalho Calero

Na primeira sesión do Simposio sobre este persoeiro na RAG participaron Villares, Beramendi, Blanco e Montero Santalha

A primeira das catro xornada do Simposio Carballo /Carvalho Calero comezou onte na Real Academia Galega cunha sesión na que dous historiadores e dous filólogos profundaron na figura do protagonista do Día das Letras Galegas na Galicia do seu tempo.

O historiador Justo Beramendi puxo o foco na participación activa do homenaxeado na reorganización do nacionalismo galego tras a ditadura de Primo de Rivera; a crítica literaria e autora de Conversas con Carballo Calero, Carmen Blanco, centrouse nos anos de supervivencia da guerra e do exilio interior; e o filólogo José Martinho Montero Santalha, autor de Carvalho Calero e a súa obra, detívose nos seus últimos dez anos de vida (1980-1990), en que, xa xubilado, non deixou de traballar intensamente pola cultura galega. Os tres expertos compartiron mesa nunha sesión moderada polo director da Sección de Historia da Real Academia Galega, Ramón Villares, quen definiu a Carvalho Calero como “unha persoa que contribuíu a facer a historia de Galicia do século XX e tamén padeceu algunhas das súas adversidades máis fortes”.

O mozo que participou no Estatuto. O protagonista do Día das Letras Galegas 2020 é ben coñecido polo seu legado como creador e crítico literario e mais lingüista, pero nos anos de mocidade foi tamén unha figura de relevancia no nacionalismo de anteguerra. O catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Justo Beramendi centrouse neste perfil de home comprometido politicamente, unha faciana que Carvalho Calero (1910-1990) amosaría dende a súa chegada a Santiago de Compostela en 1926, cando o nacionalismo, en plena ditadura de Primo de Rivera, vivía momentos complicados.

“Primeiro entrou en contacto co Seminario de Estudos Galegos. Despois participou activamente na reorganización do nacionalismo e foi tamén líder do movemento estudantil. A pesar da súa xuventude, Carvalho Calero xogou un papel bastante relevante no nacionalismo galego de anteguerra”, resume o historiador.

Os anos da resistencia. A profesora de Filoloxía Galega da Facultade de Humanidades de Lugo Carmen Blanco foi a encargada de abordar os anos “na resistencia” da guerra e do exilio interior da posguerra e a transición. Carvalho Calero loitou no exército republicano, foi condenado a prisión polas forzas franquistas e unha vez en liberade provisoria estivo inhabilitado durante anos para exercer empregos públicos. Malia o difícil contexto, “conduciu afirmativamente a súa profunda e precoz vocación literaria e a súa ansiada vocación profesoral”, primeiro no ensino privado, de maneira especial no Colexio Fingoi, onde Carmen Blanco o coñeceu como docente sendo só unha nena; e despois na universidade pública, onde o autor da magna Historia da literatura galega contemporánea (1963) e da Gramática elemental del gallego común (1966) desenvolveu unha intensa actividade investigadora e se converteu en 1972 no primeiro catedrático de Galego da USC. Alí, profesor e alumna volveron cadrar.

A última década. José Martinho Montero Santalha pechou a primeira sesión do simposio co retrato dos dez últimos anos de vida de Carvalho Calero (1980-1990). “Xa xubilado e sen obrigas académicas, seguiu a traballar intensamente pola cultura galega e desenvolveu, malia o seu estado de saúde, un activismo cultural que nos admira: deu conferencias por todo o país, presidiu congresos e viaxou a Alemaña ou á Arxentina”, indicou.

Estes foron ademais os anos en que publicou obras esenciais na formulación da súa perspectiva sobre a lingua, reeditou a súa produción literaria anterior e compuxo “algunhas das súas mellores obras”, tanto de narrativa (Scórpio, 1987) como de poesía (Cantigas de amigo e outros poemas, 1986; Reticências..., 1990) e de teatro Os xefes (1980), sintetizou o profesor da Universidade de Vigo.

09 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.