Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Perdón pola maiúscula

    nunha das mellores novelas da literatura española, publicada nos estertores do pasado século (Las máscaras del heroe, 1996), o autor, Juan Manuel de Prada, cada vez que se refire a esa adusta señora que tantas cousas ensina a quen quere aprendelas, pide perdón pola maiúscula, verbi gratia: a Historia (perdón pola maiúscula).

    Máis que pola maiúscula (que tamén, pois a historia ten as máis das veces ben pouco de nobre e sublime que xustifique tal preeminencia na escrita), á historia deberiamos pedirlle perdón cada vez que a prostituímos (perdón pola procacidade) endosándolle feitos, actos ou acontecementos máis ben prosaicos. Isto ocorre, por caso, cando o locutor dunha radio municipal afirma que o equipo da localidade, que ascendeu de terceira autonómica a segunda, viviu unha xornada histórica. Home, histórica... Diriamos, “intrahistórica”, tirando de palabro unamuniano, pois para a pequena historia (perdón pola minúscula), íntima e persoal, do porteiro ou do lateral esquerdo do tal equipo, a xornada revestiría, sen dúbida, os ouropeis do éxito e o brillo da chincheta de ouro coa que marcar o día no calendario. Para a nosa paisana do Ferrol, ministra e vicepresidenta do goberno, acadar coa patronal e os sindicatos un acordo para a reforma laboral é, por suposto, un feito histórico. Yolandiña: transcendental, importantísimo, moi salientable... vale, pero, histórico? Histórica foi a pestilencia de 1347, histórico foi o bombardeo de Pearl Harbor. Se pactar unha reforma ministerial é un feito histórico, como cualificar a defenestración de Praga ou o contacto da bota de Armstrong coa fría superficie lunar? Non é isto ofender a Historia (a historia?). Imaxina Vde. un neno de 2070 estudando no seu manual de historia (perdón, de Historia) a reforma laboral de remates de 2021? En fin, que os políticos son por liña xeral uns esaxerados e todo se lles vai en poñer unha pica en Flandres (ou en intentalo, claro), se con isto rabuñan algún puntiño no tracking do día.

    Ultimamente recórrese tamén á sufrida historia para reforzar o permanente pleonasmo do prezo da luz. Á parte dunha matraca informativa insufrible, o prezo do megawatt serve para enfrontar a humanidade de 2021 co insondable abismo do tempo: O prezo do megawatt é hoxe o máis caro da historia, di o telexornal. Ok. Supoño que no Neolítico ou en tempos de Carlomagno o megawatt era moito máis barato. Saiba vostede que unha recente tese de doutoramento estableceu con toda certeza a contía da factura eléctrica de don Felipe II no Escorial, que ascendía, como se pode imaxinar, a un pastizal, claro, imaxine a de bombillas...

    Curiosa ou paradoxalmente, hai outra cousa que se disparou ultimamente como o prezo da luz, pero talvez esta si de máis peso en termos históricos: a taxa de contaxios no Vello Mundo por SARS-Cov-2. Fronte á crenza xeneralizada de que viviamos no mellor (e máis protexido) dos mundos), resulta que é, precisamente, a opulencia o noso talón de Aquiles. Ignoro se o prezo da luz en 2022 callará algunha vez nun fito memorable para a posteridade. Pero non me cabe dúbida de que a pandemia que naceu en 2020 pasará, con todo merecemento, á Historia (perdón pola maiúscula).

    31 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.