Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pesquedellas: un conxunto de mozas que reivindican as tradicións

O proxecto para a investigación sobre o folclore dun grupo de rapazas pretende manter as costumes vivas, xa que “teñen cabida na vida moderna”

Como motivo do interese duns mozos polas súas tradicións xorden en Betanzos as Pesquedellas, que afirman “somos dun pobo moi rico, cun patrimonio inmaterial que está en perigo e unímonos para intentar poñer en valor estas costumes e concienciar ás novas xeracións da necesidade de tomar o relevo”.

A actividade principal do proxecto é a investigación sobre o folclore, maioritariamente na comarca de Betanzos. A parte máis visible “é o que publicamos nas redes sociais, onde compartimos vídeos, fotografías ou pezas artísticas relacionadas cas tradicións galegas e co folclore en xeral. Eses vídeos son recortes de entrevistas das informantes ás que fomos chegando e persoas relacionadas co mundo do folclore. A partir do material audiovisual destas entrevistas e tras pasar un proceso de edición, subímolo ás redes sociais en pequenos vídeos, como “píldoras” de información”.

Este proxecto, ademáis, ten un interese “de investigación e recollida para o noso grupo de pandeireteiras, pero esa actividade reservámola para os seráns, o viño do país e os espazos destinados a desfrutar das tradicións. Así, nas redes sociais parécenos máis interesante que o que chegue á xente sexa a información tal e como a recollimos, para que quen vexa o vídeo ou escoite as pezas poida facer as súas propias versións.

Nun primeiro momento, cando comezamos co proxecto grazas á Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, un dos nosos obxectivos principais era achegar o folclore á mocidade, así pois, segue sendo un dos nosos obxectivos e é un dos motivos polos cales dicidimos empregar as redes sociais, e tocar en espazos públicos e festivos dun xeito orgánico que reflicta que o folclore é algo vivo e co que se pode desfrutar e pasalo ben no mundo moderno”.

Para estes 8 fundadores betanceiros de Pesquedellas (7 rapazas mais 1 rapaz), o folclore é o que os une, xa que se coñeceron indo a clases de baile tradicional desde pequenas e creceron con iso. Polo tanto, para eles o proxecto “non é máis que a nosa paixón, que por sorte compartimos con moita xente, que á súa vez está disposta a abrirnos as portas das súas casas e compartir o coñecemento do noso pobo que atesouran e coma nós, non queren que se perda neste mundo globalizado.

O que intentamos transmitir con el, é a necesidade de pararse e mirar arredor neste mundo no que todos nos movemos tan rápido, de buscar nas nosas raíces, o que nos fai característicos e sobre todo de pasalo ben coas nosas tradicións”.

Asemade, explican que as plataformas dixitais son a parte do proxecto máis visible, porque “utilizamos diferentes redes sociais para achegarnos a distintos tipos de público, por exemplo, a xente máis nova participa máis en Instagram, mentres que en Facebook o público é máis adulto; e sobre todo buscamos a interacción. O folclore é compartir e iso é o que intentamos facer nas nosas redes sociais, ademais, agora mesmo vimos que as redes sociais podían convertirse nunha fonte de información para todo aquel que queira aprender, e no que calquera poida participar abertamente; creando así un cómputo de sabedoría popular e coñecemento colectivo”.

Por outra banda, a COVID-19 tívolles afectado, pero “puidemos seguir subindo contido a redes sociais porque por sorte temos un arquivo moi grande e intentamos buscar novos enfoques e temas adaptados ás circunstancias. Por exemplo, axudounos a reinventarnos e buscar xeitos máis activos e directos de interactuar cos nosos seguidores, nos que a participación é unha parte fundamental do contido (enquisas, preguntas, etc.), non obstante, imposibilitounos en moitas ocasións poder continuar coas entrevistas que tiñamos planeadas, a parte de non poder levar a cabo novo proxectos de difusión do patrimonio máis aló das redes sociais”.

Para os integrantes desde proxecto, a principal manifestación cultural que saíu perxudicada por esta situación é a sociocultural, que “é de onde nace o folclore e o contexto no que queriamos seguir traballando, polo que dende as redes tamén buscamos defender a cultura de raíz nestes momentos tan difíciles para ela dentro das limitacións que a situación impón.

Moitas de nós fomos a concertos durante esta “nova normalidade” e vimos que é totalmente seguro asistir a eles, que as medidas de seguridade están ao día e que todo se cumpre moi estrictamente, o que da moita seguridade. Pero sempre queda o problema de que a nosa cultura nace de xuntarse e compartir, bailar os uns cos outros, polo que non o podemos desfrutar tan ben”, pero continúan decindo que “por experiencia, sabemos que as tradicións sempre saben adaptarse aos tempos e lamentablemente non nos queda outra que reinvertarnos. Xa houbo foliadas virtuais, aulas de música e baile online, conferencias... A xente ten ganas de que isto siga e está traballando arreo para que así sexa. Seguro que acabaremos por atopar a forma de poder desfrutar o noso de forma segura mentres non podemos volver a facelo como sempre”.

01 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.