Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Picasso e mais as xoias

Algúns artistas deseñaron xoias a maneira de pequenas esculturas

O coñecemento que temos de moitas civilizacións débese, fundamentalmente, ao achado das xoias que os seus membros crearon ou empregaron. As xoias sempre supuxeron unha demostración de poder económico persoal, ben pola calidade dos metais cos que foron feitas, ben polo traballo dos artesáns e ourives. Posiblemente, non hai outra manifestación que supuña un achegamento –moitas veces case íntimo- entre o individuo e un obxecto artístico. E a súa mostra –ostentación ás veces- vai vinculada ao seu carácter excepcional.

Pero unhas xoias poden acadar valor pola súa factura, con independencia do material con que estean feitas, porque soen ser obxecto de galano, xeralmente afectivo. Isto é o que sucedeu coas primeiras xoias que Pablo Picasso lle regalou a Dora Maar en 1936. Obxectos comprados nos mercados de ocasión de París e despois outros atopados nas praias da Provenza, que o pintor malagueño refacía ao seu xeito para ofrecerllos coma galano á súa amante daquela.

Desta faceta creativa, o Museu Picasso de Barcelona presenta, ata finais de setembro, Picasso e as xoias de artista. Esta exposición revisa este aspecto da súa obra desde o seu primeiro momento, cando ben axiña foi consciente do valor sentimental e artisticamente efémero de aqueles obxectos –ósos, vidros pulidos pola auga, croios, cunchas- que el pintaba ou refacía. Por iso pediu a Dora Maar e a Brassaï que os fotografasen. Sendo como era Picasso home de gardalo todo, eran pezas a regalar e, polo tanto, de difícil rastrexo posterior.

Xa en 1947, con Françoise Gilot, Picasso descubriu a cerámica na localidade provenzal de Valauri, no Taller Madoura. E con arxilas comezou unha serie de pequenas xoias de nova creación na que aparecían algúns dos termas que daquela xeira o pintor traballaba: homes con barba, faunos, figuras femininas. Unha serie que inclúe os medallóns que, con supervisión de Picasso, os propietarios do taller, o matrimonio Ramié, prepararon e que a partir de 1950 o pintor fixo para regalar a diversas amizades.

E foi tamén naquel ano cando, co concurso do seu dentista, Roger Chatagner, Picasso comezou a traballar en metais preciosos coma a prata e mais o ouro unha decena de pezas únicas, feitas coa técnica da cera perdida. Pero a diferencia dos traballos dos ourives –que desde o coñecemento dos metais elaboran pezas de maior ou menor calidade artística-, Picasso sempre fixo as súas xoias como se se tratasen de esculturas, pequenas e únicas ás veces, cargadas case sempre dunha historia persoal: a da relación entre o pintor e a persoa que a recibía coma galano.

Non foron obras para seren comercializadas coa marca do pintor a maneira de reclamo. Eran pezas de regalo, de amizade, que o artista, máis que crealas, as representa. As pulseiras, os colares, os pendentes non so collen valor pola persoa que os recebe senón que esta actúa, dalgún xeito, de elo entre o motivo da xoia e as pinturas irmás do pintor malagueño.

A exposición que presenta o museo barcelonés complétase cos dous ámbitos máis. Na mesma sala, xoias deseñadas por outros artistas contemporáneos como Max Ernst, André Derain, Giacometti (as súas xoias-botón), Man Ray, Niki de Saint Phalle (serpes de cores), Openheim (e a súa pulseira de pel) ou Louise Bourgeois (os seus broches de araña, feitos en colaboración co deseñador catalán Chus Burés, lembran as súas enormes esculturas). Tamén artistas cataláns, influenciados pola tradición local, como Pau Gargallo, Manolo Hugué, Juli González ou Francisco Durrio, que empregaron o campo da ourivería como ámbito experimental e que, posiblemente, o mozo Picasso coñeceu nos seus primeiros anos en Barcelona e París.

Nun ámbito externo, o Museu Etnològic i de Cultures del Món, situado fronte ao Museu Picasso, ofrece unha mostra dos seus fondos, pertencente ás culturas baule, da África Occidental, e káfir, do Afganistán. Estas expresións da alta calidade á que pode chegar o primitivismo coincide, por inverso, coas xoias picassianas, síntese en miniatura das súas obras de gran formato en tea ou en cerámica. As obras baule exerceron unha gran influencia nos artistas de vangarda e gardan vinculacións coas formas escultóricas gregas e iberas. Pola súa banda, a cultura káfir acadou a súa máxima expresión de calidade nos torques, que influíron na arte grega despois do paso de Alexandre o Grande por aquelas terras.

Joaquim Ventura

25 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito